ESPAZOS CIDADÁNS

Aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude das axudas complementarias para a instalación de ascensores

21/05/2019 O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a convocatoria de subvencións municipais complementarias ás axudas estatais para a instalación de ascensores nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI). O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, lembrou que o Concello destina 175.000 euros a esta liña, que "ten como obxectivo favorecer que as persoas con menos recursos teñan cuberta a totalidade dos custos que deben afrontar para a instalación dos elevadores". O prazo para solicitalas estará aberto ata o 30 de setembro.

A convocatoria está pensada para "incrementar as axudas recibidas no desenvolvemento do Plan Estatal de Vivenda, en función situación económica persoal das persoas beneficiarias". Jorge Duarte lembrou que as axudas existentes ata agora para os ARIS "chegaban ao 50% do custo das obras, e repartíanse de xeito igualitario entre os diferentes propietarios da comunidade de veciños". Deste xeito, poderán optar ás subvencións "as persoas propietarias de vivendas das Áreas de Rehabilitación Integral, con ingresos anuais inferiores a dúas veces o IPREM. As axudas serán progresivas en función da renda, e serán dun máximo de 18.000 euros.

Duarte lembrou que as axudas estatais e autonómicas "están dirixidas ás comunidades de propietarios, sen introducir criterios de renda". Por este motivo, o Concello está ultimando unha convocatoria específica de "subvencións complementarias e dirixidas a persoas con ingresos reducidos, que poderían obter axudas de ata o 100% do total do gasto que teñan que afrontar, en función dos seus niveis de renda". Deste xeito, segundo explicou o concelleiro, "evitarase que algúns proxectos de instalación de ascensores queden paralizados porque un veciño ou veciña non pode facerlle fronte á parte que lle corresponde sufragar das obra.

Duarte explicou que hai catro ARIS en Compostela nas que as axudas teñen aplicación inmediata: Cidade Histórica, Vite, Vista Alegre e Pontepedriña. Poderán solicitar estas subvencións complementarias as persoas propietarias destas Áreas de Rehabilitación Integral que teñen concedida as axudas estatais de 2018 ou aquelas ás que se lles conceda nos próximos días as axudas de 2019.

Compartir: