ALCALDÍA

O alcalde de Paredes solicita a colaboración do Concello para a posta en marcha dunha volta ciclista entre Galicia e Portugal

09/02/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao alcalde do municipio portugués de Paredes, Celso Manuel Gomes Ferreira. Ámbolos rexedores intercambiaron impresións sobre asuntos coma o turismo ou o deporte e amosaron a súa disposición a colaborar nalgún proxecto.

O alcalde de Paredes, Celso Manuel Gomes Ferreira, manifestoulle a Xosé A. Sánchez Bugallo a intención de organizar unha volta ciclista cos principais clubes portugueses e galegos desta disciplina deportiva. A volta sería por Galicia e Portugal, para o que a delegación do país veciño pediu a colaboración do Concello compostelán. O rexedor de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou a iniciativa de moi boa e informou a Celso Gomes de que trasladará a súa proposta ao concelleiro delegado de Deportes, Manuel Portas, para estudala e darlle unha resposta o antes posible.

Paredes é un municipio portugués integrado na rexión do Val de Sousa, situado a escasos minutos da cidade de Porto. Inserido nas rotas do Románico e dos Viños Verdes, este concello conta cunha importante riqueza natural e patrimonial que quere proxectar cara o turismo.

Compartir: