PLENO

Carlos Nieves e Guadalupe Rodríguez tomaron posesión como concelleiros

07/02/2007 O pazo de Raxoi acolleu un pleno extraordinario con dous asuntos na orde do día: a toma de posesión de Carlos Nieves e Guadalupe Rodríguez coma novos concelleiros e a aprobación definitiva dos orzamentos municipais para o ano 2007.

Os dous novos concelleiros substitúen a Luís Toxo e Xaquín Fernández Leiceaga, que deixaron o seu cargo o 25 de xaneiro para atender o seu labor como parlamentarios autonómicos. Carlos Nieves e Guadalupe Rodríguez ocupaban respectivamente os números doce e trece da lista socialista nas últimas eleccións municipais. O primeiro viña desempeñando o cargo de asesor do alcalde, mentres que a segunda ocupábase, dende Fontiñas, da coordinación dos centros socioculturais da área sur.

Segundo anunciou o alcalde a continuación do Pleno, Carlos Nieves ocuparase ata as eleccións de maio da área de Facenda, Orzamentos e Transportes, mentres que Guadalupe Rodríguez asumirá a responsabilidade do departamento de Centros Socioculturais. O relevo tamén supón un cambio na orde dos tenentes de alcalde, de tal xeito que o cuarto pasa a ser Bernardino Rama e o sexto Carlos Nieves. Tamén se producen trocos nalgunhas comisións informativas e consellos de administración, en especial de Emuvissa, cuxa vicepresidencia pasa a ocupar a agora concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Aprobación definitiva dos orzamentos

Por outra parte, o Pleno extraordinario tamén aprobou definitivamente os orzamentos municipais para 2007, así coma o cadro de persoal. Trátase dunhas contas que prevén uns ingresos de algo máis de 114 millóns de euros e uns gastos de 110, co que o superávit estimado será de 4,5 millóns de euros.

Os novos orzamentos, que sitúan o ingreso medio por habitante na orde do 1.250 euros, non incrementan a presión fiscal e continúan a estratexia de saneamento financeiro das arcas municipais. Son unhas contas de crecente contido social, que apostan pola vivenda, polo emprego e pola mellora dos servizos públicos.

Compartir: