IGUALDADE E MEDIO RURAL

Aberta a preinscrición para o Programa de Conciliación no Rural, que xirará sobre a promoción da igualdade

13/05/2019 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, e o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, deron conta hoxe do programa de conciliación que se levará a cabo no rural de Compostela durante o mes de xullo. As familias do rural contan, un ano máis, cun programa lúdico-educativo executado por persoal formado.

Nos centros cívicos, os nenos e nenas atoparán un lugar seguro no que compartir tempo e espazo con compañeiros e compañeiras da súa idade, á vez que realizan un programa de actividades completo para que gocen plenamente das súas vacacións. "Este ano -segundo indicou Marta Lois- a temática xirará en torno á promoción da igualdade, polo que as actividades previstas pretenden sensibilizar e implicar a nenos e nenas en accións sobre estereotipos de xénero, igualdade de dereitos, visibilidade das mulleres, xogos coeducativos, etc, promovendo un cambio de actitudes favorable a un modelo de convivencia máis igualitario".

Cen prazas
Ofértanse un total de 100 prazas divididas en catro centros cívicos do rural. Así, haberá 30 prazas na Gracia e Marrozos e outras 20 en Nemenzo e Figueiras. Durante o mes de xullo desenvolverase un programa de xogos, dinámicas e actividades completo, no que os/as nenos/as poderán gozar ao mesmo tempo que aprenden. O obxectivo principal é que os nenos e nenas tomen conciencia da súa identidade e autoestima favorecendo unha sociedade crítica e positiva onde todas as persoas vivan en igualdade.

Segundo indicou Rafa Peña, "esta programación vén a complementar as diversas actividades para persoas adultas que se veñen realizando dende hai anos nos centros cívicos do rural coa actividade "Rural en igualdade". A clave está en que os e as menores coñezan e entendan os problemas e dificultades aos que as súas nais e avoas se veñen enfrontando ao longo da súa vida, para non perpetuar nin xustificar os comportamentos de roles "tradicionais" e tamén para que coñezan que a distribución equitativa das funcións domésticas e laborais debe facerse entre todos os membros da unidade familiar.

Tendo en conta as premisas do programa, intentarase implicar a toda a comunidade, especialmente ás familias dos/as participantes para influír na súa vida xeral e promover un cambio de actitudes favorable a un modelo de convivencia que fomente unha sociedade máis xusta.

Haberá tres actividades centrais. Por unha banda, a linguaxe inclusiva, medios de comunicación e publicidade; por outra, traballarase ao redor do xénero e a corresponsabilidade e, finalmente, sobre violencia de xénero e igualdade de oportunidades.

A programación integra actividades, xogos e obradoiros nos que os nenos e as nenas poderán gozar e divertirse a través da exploración da coeducación, desenvolvendo actividades deportivas e psicomotoras, lingüísticas, manipulativas e de artes plásticas, técnicas de refugallo, musicais…

Horarios
O programa desenvolverase de luns a venres de 9:30 a 14:30 horas, podendo participar nestas actividades nenos e nenas con familias que estean empadroadas no Concello nados entre o 2007 e o 2014 (4 a 12 anos). As persoas interesadas poden inscribirse no mes completo ou nunha quincena.

A preinscrición realizarase do 8 ao 23 de maio. En caso de existir mais solicitudes que prazas, realizarase un sorteo o 31 de maio. Os/as interesados/as poden recoller os formularios en calquera centro cívico. A publicación de listas definitiva será o 4 de xuño e os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula realizando o pago e entregando a documentación requirida entre o 6 e o 15 de xuño.

Compartir: