EDUCACIÓN

Unha nova unidade didáctica achega aos escolares o fenómeno da inmigración

07/02/2007 Durante os últimos tres anos, o Foro de Inmigración, en colaboración coa Concellaría de Educación e Mocidade, leva desenvolvendo diferentes campañas de sensibilización do alumnado compostelán ante o fenómeno migratorio. Froito das experiencias acumuladas neste tempo, xorde a unidade didáctica "En cada rostro igualdade".

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, e o voceiro do Foro de Inmigración de Santiago, Miguel Fernández, presentaron este proxecto educativo, dirixido a alumnos de segundo ciclo de ESO. O obxectivo é achegar aos rapaces e rapazas ao fenómeno da inmigración a través dunha perspectiva crítica e razoada.

A estrutura desta guía para profesores configúrase en catro bloques: Reflexionando sobre os estereotipos, Causas e consecuencias das migracións, A inmigración a través dos xornais e Tomando postura. En cada unha das partes establécense uns obxectivos específicos e ofrécense actividades detalladas a elixir polos mestres segundo os grupos.

Co obxecto de dar a coñecer estes materiais entre o profesorado de Ensino Secundario, celebrarase unha xuntanza no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche o xoves 8 de febreiro, ás 18:30 horas.

Compartir: