ALCALDÍA

O Concello de Santiago tramita a súa adhesión ao sistema VioGén contra a violencia machista

08/05/2019 O Concello de Santiago vén de iniciar os trámites para a súa adhesión, a través da Policía Local, ao sistema VioGén, o sistema de seguimento integral dos casos de violencia machista liderado polo Ministerio de Interior. Este foi un dos asuntos abordados na Xunta Local de Seguridade, celebrada esta mañá baixo a presidencia do alcalde, Martiño Noriega, e da subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que na xuntanza de hoxe "deuse o primeiro paso para a adhesión ao programa VioGén, coa aprobación do protocolo correspondente da Federación Española de Municipios e Provincias". O edil apuntou que "agora toca convocar a mesa de coordinación local para continuar cos traballos de cara á adhesión a este sistema", que ten como obxectivo aglutinar ás institucións públicas con competencias en materia de violencia machista. A subdelegada do Goberno na Coruña felicitou ao Concello de Santiago por dar este paso "e adherirse a un programa no que tamén están xa implicados outros municipios da provincia como A Coruña, Ames ou Teo".

Cidade segura
Na Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe tamén se fixo un repaso polos datos relacionados coa seguridade que, tal e como explicou Xan Duro, "mostran o descenso das diferentes tipoloxías de delitos e que Santiago é unha cidade segura para vivir". Tal e como apuntou López-Riobóo, tan só "se rexistrou un incremento nos delitos de estafa, fundamentalmente nos que teñen que ver con Internet e dos que adoitan ser vítimas as persoas moi novas ou as maiores".

Compartir: