DEPORTE

Santiago acolle do 10 ao 12 de maio e por segundo ano unha proba do Campionato do Mundo de Enduro

08/05/2019 Santiago de Compostela acollerá por segundo ano consecutivo unha proba do Campionato do Mundo de Enduro. Do venres 10 ao domingo 12 de maio, os circuítos dispostos no entorno do Estadio Verónica Boquete e do parque industrial da Sionlla acollerán a preto de 100 pilotos da elite deste deporte de resistencia e habilidade.

A concelleira de Deporte, Noa Morales e o edil de Medio Rural, Rafael Peña, presentaron esta proba nunha rolda de prensa na que tamén participaron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Candá; o director de Carreira do Mundial de Enduro, Pedro Mariano; e o piloto e inspector da Federación Internacional de Motociclismo Maurizio Micheluz. Todos eles destacaron a espectacularidade desta disciplina e o impacto que unha proba como esta vai ter na cidade de Santiago, tal como sucedeu na edición de 2018.

A competición abrirase o venres 10 a carón do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro co Super Test e co Xtreme Test, unhas probas curtas que permiten achegar a todo o público, incluso o non experto, á espectacularidade desta disciplina. Xa o sábado e o domingo celebrarase o rally, no que os/as participantes realizarán dúas voltas e media ao percorrido disposto no parque empresarial da Sionlla. Tamén se realizarán dúas especiais cronometradas, o Cross Test e o Enduro Test, que serán determinantes tamén para a clasificación final.

O Gran Premio de España do FIM Maxxis Enduro World Championship está organizado polo Moto Club Movete na Moto coa colaboración das federacións internacional, española e galega de Motociclismo.

Direccións relacionadas



Compartir: