ACCIÓN CULTURAL

Encontro "A cor das palabras" coa cineasta e artista Dora García

07/05/2019 A reputada artista vallisoletana Dora García visita Compostela o domingo 12 de maio para ofrecer o encontro "Como foi o desenvolvemento do proxecto Segunda Vez, 2014-2018", dentro do ciclo A cor das palabras, organizado polo Concello de Santiago e Numax. Un día antes, o sábado 11, a directora presentará na sala o seu último filme: Segunda vez. Pode reservarse praza para o encontro escribindo a acordaspalabras@santiagodecompostela.gal.

A visita a Numax da profesora, artista e cineasta Dora García xira arredor de Segunda vez, proxecto artístico desenvolvido durante 5 anos que deu lugar a un marabilloso documental do mesmo nome, gañador do gran premio en FID Marseille. O filme, que se poderá gozar en Numax o sábado 11 de maio, ás 19:45 horas, con presentación e coloquio da directora, pon en escena tres happenings de Óscar Masotta, teórico fundamental das vangardas arxentinas dos anos cincuenta e setenta, cuxas ideas sobre a psicoanálise, a política e a arte lacaniana mudaron a escena artística en Bos Aires antes da chegada da ditadura e da fin das vangardas.

No encontro A cor das palabras, organizado polo Concello de Santiago e Numax, Dora García relatará como naceu a urxencia do proxecto Segunda vez. A artista vallisoletana afondará na figura do intelectual arxentino Óscar Masotta para reflexionar sobre as conexións entre performance, psicoanálise e política, e sobre as estratexias narrativas da metaficción e a repetición. O encontro terá lugar o domingo 12 de maio, ás 11:30 horas, e xa se pode reservar praza no correo acordaspalabras@santiagodecompostela.gal.

A obra de Dora García (Valladolid, 1965) atopa o seu campo de interese na creación de situacións e contextos que alteran a relación tradicional entre artista, obra e espectador. Tras vivir case dúas décadas en Bruxelas, traballa agora en Barcelona. Participou en varias exposicións internacionais como a Bienal de Venecia do 2011 (proxecto Lo Inadecuado), 2013 (proxecto The Joycean Society) e 2015 (proxecto The Sinthome Score); a Documenta 13 en 2012 (proxecto Klau Mich), e Munter Sculpture Projects en 2007. Recentemente presentou exposicións individuais en Toronto Power Plant; IVAM, Valencia, The Tetley, Leeds; Galerie Michel Rein, París, e La Verrière, Bruxelas. García é profesora na Academia Nacional de Arte en Oslo e a escola HEAD en Xenebra, e é membro da facultade do PEI en Barcelona. Co-dirixe, dende 2012, Les Laboratoires d'Aubervilliers en París. O seu anterior filme, The Joycean Society, foi proxectado en Numax en 2015.

Compartir: