CULTURA

Aldo Ceccato chega a Compostela para dirixir á Real Filharmonía de Galicia

06/02/2007 O concerto da Real Filharmonía de Galicia do xoves 8 contará coa batuta do milanés Aldo Ceccato, un dos directores máis prestixiosos de Europa. Ata 2004 foi director artístico e musical da orquestra I Pomeriggi Musicali, de Milán, unha das formacións máis antigas de Italia, e que xa fora dirixida por mestres de sona coma Bernstein ou Giulini. A día de hoxe é director principal da Orquesta Filarmónica de Málaga, principal motor do desenvolvemento cultural da cidade andaluza.

Un fito importante na carreira musical de Ceccato represéntao a Orquestra Filarmónica de Brno, o estandarte musical do Estado Checo, coa que obtivo unha grande sona trala interpretación dos grandes poemas sinfónicos de Franz Liszt, Christus, Faust Symphony e a Lenda de Santa Isabel.

Ademais, na súa longa carreira, Ceccato foi tamén director musical e artístico da Orquesta Nacional de España, da Filarmónica de Hamburgo e da Orquestra da RAI, de Turín. Colaborou cos grandes intérpretes da actualidade, dende Maurizio Pollini ata Alfred Brendel, ademais de Alfredo Kraus, Rostropovich, Serkin e Teresa Berganza, entre outros moitos. Recentemente foi nomeado pola seu país natal Cabaleiro da Gran Cruz, a máis alta distinción do estado italiano.

Notas de Mendelssohn para violín

O violinista James Dahlgren amosará a sú destreza na parte central do concerto. Concertino da orquestra Real Filharmonía de Galicia, estudou con Zaven Melikian no Conservatorio de San Francisco. Tras chegar a Europa, traballou tamén como concertino invitado da London Philharmonic Orquestra ou da Royal Liverpool Philharmonic Orchestra, entre outras. Actualmente é o principal concertino invitado da Orquesta Sinfónica de Bilbao e membro de TAIMA (Taller Andaluz de Interpretación de Música Actual).

O programa complétase cun repertorio variado que inclúe a fantástica Sinfonía Clásica de Prokofiev, Gli Uccelli, de Respighi e a Sinfonía número 1 en mi bemol de Mozart.

Compartir: