ALCALDÍA

O alcalde recibiu a Ben Feringa, Premio Nobel de Química 2016

07/05/2019 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu a Ben Feringa, Premio Nobel de Química 2016, que visita a cidade no marco do Programa ConCiencia. O científico neerlandés compartiu uns minutos co rexedor e asinou no Libro de Honra.

Esta visita institucional iniciou o programa de actividades de Ben Feringa en Compostela, que continuou cunha rolda de prensa. Para a tarde estaba previsto un encontro do científico con estudantes de bacharelato de distintos institutos de Galicia no CiQUS, un centro con que o químico neerlandés ten unha estreita relación investigadora.

Os actos centrais da visita terán lugar mañá mércores 8, cando Ben Feringa será investido doctor honoris causa xunto co profesor Nicholas A. Peppas. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, no Auditorio ABANCA (Preguntoiro, 23), impartirá a conferencia aberta ao público "The joy of discovery" ("O gozo do descubrimento"), enmarcada no Programa Conciencia.

Ben Feringa
Ben Feringa (Barger-Compascuum, Países Baixos – 1951) estudou na Universidade de Groningen (Países Baixos), onde recibiu o seu doutoramento en 1978 e seis anos máis tarde comezou a traballar, logo dun paréntese laboral na compañía petroleira Shell. Hoxe é catedrático de Química nesa universidade.

Feringa é pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar coma máquinas de tamaño nanométrico. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. O profesor Feringa demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución, conectando selectivamente átomos e fragmentos moleculares.

O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais, que teñen o tamaño dunha millonésima parte dun milímetro, considérase clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular.

Compartir: