DEPORTE

Compostela acolle do 24 ao 28 de xuño o I Campus de Tecnificación Borja Iglesias

06/05/2019 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá o I Campus de Tecnificación Borja Iglesias, que se celebrará na nosa cidade do 24 ao 28 de xuño. Na presentación estivo tamén o propio Borja Iglesias, xogador do RCD Espanyol.

Tal e como sinalou a concelleira, "o Campus celebrarase no campo de fútbol municipal de Santa Isabel, que conta con céspede de alta calidade, con certificación FIFA Quality PRO". Os nenos e nenas que se presenten terán ademais a ocasión de aprender da man do propio Borja Iglesias, que estará no Campus os cinco días de actividade.

O Campus, dirixido a rapaces e rapazas de entre 7 e 17 anos, adaptarase ao nivel técnico de cada neno ou nena mediante exercicios dinámicos, deseñados para sacar o máximo partido de cada persoa. As sesións estarán estruturadas e dirixidas por adestradores titulados con ampla experiencia tanto no fútbol profesional como no fútbol base. Ademais, o traballo de campo complementarase con varias charlas nas que participarán profesionais da nutrición, a arbitraxe e a psicoloxía deportiva.

Ademais de Borja Iglesias, tamén asistirán ao Campus outros xogadores profesionais invitados que convivirán co alumnado e transmitirán as súas experiencias, coñecementos e claves do seu desenvolvemento profesional e persoal.

Inscrición e prezos
O prazo de inscrición está xa aberto e a reserva de praza pode realizarse a través da páxina web do evento, www.campus.borjaiglesias9.com, cubrindo o formulario. A reserva de prazas, que son moi limitadas, farase por estrita orde cronolóxica, xunto ao xustificante de pago.

O Campus ten un custo de 220 euros e o patrocinador principal do mesmo é a marca deportiva Adidas, dada a vinculación publicitaria de Borga Iglesias coa multinacional alemá. Así, cada nena e neno que participe na actividade recibirá unha equipación completa da marca.

Borja Iglesias
A carreira do futbolista compostelán disparouse nos últimos dous anos, pasando de xogar na categoría de bronce do fútbol, nas filas do Celta de Vigo B, ata a máxima categoría, militando actualmente no RCD Espanyol, onde leva marcados 15 goles en Liga, sendo o máximo goleador do club catalán.

Borja Iglesias comezou no fútbol no colexio La Salle de Compostela e, con 14 anos e tras xogar un campionato de seleccións autonómicas, marchou á Comunitat Valenciana, onde estivo tres temporadas no Valencia e outras tres no Villareal. Con 20 anos fichou polo Celta, converténdose no máximo goleador histórico do seu filial e debutando en xaneiro de 2015 no primeiro equipo. Ese mesmo verán fichou polo Zaragoza, anotando 23 goles en 43 partidos na categoría de prata, o que lle abriu as portas do Espanyol, equipo no que está a triunfar como futbolista, ocupando o posto 7 de máximos goleadores da Liga Santander, con 15 tantos.

Direccións relacionadas



Compartir: