ACCIÓN CULTURAL

Oito grandes concertos e moitas propostas para o público infantil na programación das festas da Ascensión 2019

06/05/2019 Compostela celebrará as festas da Ascensión do 29 de maio ao 2 de xuño, cun programa "pensado para atender a un público diverso e no que todas as actividades volven ser de balde". A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe a programación, na que "haberá ata oito grandes concertos nas prazas da Quintana e do Toural, moitas propostas para o público familiar e actividades que forman parte xa da tradición das festas máis compostelás do ano".

A concelleira de Acción Cultural presentou hoxe a programación das festas da Ascensión, nunha rolda de prensa na que participaron algúns dos nomes propios da programación: Davide Salvado, que ofrecerá un concerto no Toural no marco do programa Artellando; e Abe Rábade, director do proxecto "Lorca namorado", que se vai estrear no marco das festas. Branca Novoneyra incidiu na calidade dunha programación na que "todas as persoas poden atopar propostas que lle resulten atractivas, mesmo en horarios moi diferentes para facilitar a participación nas festas de toda a veciñanza". Nesa liña, a concelleira salientou que o programa contempla actividades dende o mediodía ata ben entrada a noite, cunha atención especial ao público familiar. Destacou tamén "a variedade de estilos dun programa no que combinamos concertos con artistas coñecidos pola súa participación no exitoso programa televisión Operación Triunfo con espectáculos como o que lle renderá homenaxe a Federico García Lorca ou a actuación de Najla Shami".

Concertos da Quintana
Na programación da Ascensión inclúense catro grandes concertos na praza da Quintana, pensados para chegar a públicos diferentes. O primeiro deles, o 29 de maio, será o concerto de Los40 Pop, que contará coa participación de Roi Méndez, Ana Guerra, Nill Moliner, Ana Mena, Carlos Right e Dani Fernández. O espectáculo estará conducido polo coñecido Tony Aguilar.

Para o día seguinte, no día grande da Ascensión, está previsto un grande espectáculo ao redor da figura de "Lorca namorado", que xuntará no escenario a Salvador Sobral, Abe Rábade, Kike Morente, Arcangel, Marcelo DoBode, Davide Salvado e Susana Seivane, entre outros artistas. Trátase dun proxecto ideado e dirixido por Abe Rábade, que se inspirou nos "Seis poemas galegos" de Lorca para crear un espectáculo que ten "un pé na tradición galega, outro no flamenco e as mans no jazz".

Susana Seivane repetirá na Quintana o 31 de maio, noutro concerto no que estará acompañada por Baiuca Live Band, o novo proxecto musical de Alejandro Guillán, que xunta os sons tradicionais galegos coa música electrónica. Xa o sábado 1 de xuño, celebrarase o último gran concerto da praza da Quintana na Ascensión de 2010, con Novedades Carminha.

Artellando na Noite
Aos concertos da Quintana engádense os catro que se van celebrar na praza do Toural, dentro do programa Artellando na Noite. O primeiro deles, o mércores 29, estará protagonizado por Davide Salvado, que presentará o seu novo espectáculo, Amarelo. Nel, o artista reinterpreta, dende a óptica contemporánea, cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, acompañadas dos textos do escritor, guionista e actor Manolo Cortés. No concerto, Davide Salvado estará acompañado por Pedro Pascual e Pablo Pascual.

O xoves 30, tomarán o relevo no escenario do Toural Germán Díaz e Benxamín Otero, que presentarán o seu traballo Trece cancións bonitas, e o venres 31 será a quenda de Najla Shami. A cantora e compositora nacida en Compostela, pero filla tamén da cultura palestina, presentará o seu novo traballo discográfico, Ela sabe a sol. O ciclo Artellando na Noite pecharase o sábado 1 de xuño co concerto ofrecido por De Mar a Mar, o grupo formado por Víctor Muñiz, Blanca Paloma, Wafir Gibril e Vicente Molino que fusiona a canción popular mediterránea co flamenco e cos sons latinoamericanos.

Artellando no Vermú e Artellando na Tarde
Boa parte das propostas da Ascensión están vinculadas ao programa Artellando, que desta vez se deseñou en torno a catro apartados: Artellando no vermú, Artellando na tarde, Artellando na noite e A Festa no Teatro Principal.

O Artellando no Vermú desenvolverase na praza de Cervantes. Están previstos dous concertos infantís, o xoves 30 de maio e o domingo 2 de xuño, con Martiña Soñadora e Sira e o Robot. Ambos serán ás 12:30 horas. Ás 13:00 horas están previstas as actuacións de Brassica Rapa, o 30 de maio; Zeltia, o 31; Xoana, o 1 de xuño, e Chicharrón, o domingo 2 de xuño.

O Artellando na Tarde trae tres propostas a outros tres escenarios da cidade. Así, a praza de San Martiño Pinario acollerá o mércores 29, ás 20:30 horas, o espectáculo de danza contemporánea da barcelonesa Laly Ayguadé; e na praza Roxa, o xoves 30, a compañía brasileira Circo no Ato presentará o seu espectáculo A salto alto. O venres 31 será o día do Swing na Ascensión, en colaboración coa Asociación Compostela Swing. A actividade desenvolverase na praza de Cervantes dende as 18:30 horas, primeiro cun obradoiro para iniciar no baile a todas as persoas que o desexen, e despois cun concerto de The Sar Swing Quartet, a partir das 20:30 horas.

A Festa no Principal
Pensada para o público familiar, o programa Artellando inclúe A Festa no Teatro Principal, que se celebrará o sábado 1 de xuño. A xornada arrincará, ás 11:30 horas, cunha sesión de microespectáculos na que participarán Pérez&Fernández, Yolanda Castaño, Servando Barreiro e Inacio Vilariño. Ás 13:00 horas tomará o relevo a música e pedagoga Lydia Botana, que está a presentar o seu primeiro disco, Vuela.

Pola tarde, a festa continuará no Principal cunha nova sesión de microespectáculos, desta vez coa participación de Anxo Moure, Xarope Tulú, Saleta Fernández e Fani Triana. Pechará a xornada Charo Pita co seu espectáculo No país do vento.

Todas as actividades da Festa no Principal son de balde, pero no caso das sesións de microespectáculos é preciso retirar as entradas, que estarán dispoñibles na billeteira do Teatro a partir do 20 de maio.

A Ascensión das tradicións
No programa da Ascensión non faltan as citas máis tradicionais destas festas, "ás que se intenta facer referencia no cartaz, deseñado por Iria Ribadomar", como a Feira Cabalar que se celebrará o xoves 30; o Trofeo de Chave, as orquestras da Alameda, ou a Festa dos Maiores, que cumprirá xa 22 edicións.

Haberá tamén, o xoves 30, a xornada de Folk na Rúa, coas actuacións das agrupacións Brincadeira, Colexiata do Sar, Cantigas e Agarimos e Ultreia polas prazas da cidade vella, antes de ofrecer unha actuación conxunta na Acibechería, a partir das 20:00 horas. Na última xornada das festas, o domingo 2 de xuño, tomarán o relevo as corais, cunha actuación nas Praterías na que participarán as formacións Amigos de Compostela, Coto da Nai, Hermano Gómez, La Salle, Santa Susana, Ponte Mantible, Xúbilo e Cantorum Compostellana Coniunctio.

O programa da Ascensión complétase cun concerto da Banda Municipal de Música acompañado polo grupo de percusión Odaiko, baixo o lema "Vaia Banda", o xoves 30 na praza das Praterías; e con dúas sesións de batucada na rúa: a primeira o venres 31, dende a praza de Puente Castro ata a praza Roxa; e a outra o domingo 2, cunha ruada dende Praterías ata ao Toural, na que participarán 120 percusionistas chegados de toda a Península Ibérica.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: