ALCALDÍA

Unha mostra na Alameda divulgará a investigación da Rede Galabra da USC sobre prácticas culturais en Santiago de Compostela

29/04/2019 O paseo da Ferradura acollerá, a partir do próximo venres, a exposición A cidade, o Camiño e nós, organizada pola Rede Galabra da Universidade de Santiago e o Concello compostelán. Trátase da primeira de catro mostras que teñen como obxectivo divulgar os resultados da investigación liderada pola USC, sobre as imaxes, as ideas, os discursos e as prácticas culturais construídas en relación a Compostela e aos Camiños de Santiago.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe a exposición A cidade, o Camiño e nós, acompañado polo director da Rede Galabra, Elías Torres. O rexedor explicou que a mostra forma parte dun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Universidade de Santiago co obxectivo de "coñecer as prácticas culturais da propia veciñanza de Compostela, pero tamén dos milleiros de persoas que nos visitan, unha información moi valiosa para o planeamento da cidade en termos culturais e sociais".

O director da Rede Galabra expresou o seu agradecemento pola "colaboración do Concello neste proxecto, que pon ao servizo do público a investigación que se desenvolve no ámbito da Universidade". Elías Torres explicou que o obxectivo da investigación é "contribuír a repensar Compostela a partir da propia reinvención da cidade nos últimos anos, fundamentalmente ao redor do Camiño de Santiago e do fenómeno do turismo a el vinculado".

Unha exposición central, tres mostras sectoriais
A exposición, que se poderá visitar a partir do venres no paseo da Ferradura, será "a mostra central do proxecto, que prevé outras tres exposicións sectoriais que circularán polos barrios de Compostela". Elías Torres explicou que nela amosarase "unha síntese dos resultados da investigación que a Rede Galabra está a realizar dende o ano 2008, implicando a persoas de nove universidades diferentes para analizar as imaxes e as prácticas referenciadas en Santiago, tanto dos propios habitantes da cidade como dos seus visitantes". No referido a visitantes, a investigación centrouse nas persoas procedentes de Portugal e Brasil, por seren os primeiros países europeo e non europeo en número de visitantes.

A exposición "mostrará a transformación de Santiago dende o inicio dos anos 90, motivada por distintos factores, entre eles a actividade turística vinculada ao Camiño de Santiago, que supuxo cambios nos hábitos de vida, nos usos do espazo público, pero tamén na actividade cultural e social". Farao a través dun total de 28 paneis, nos que se atenderá "á nova narrativa sobre Santiago, mostrase como a propia cidade se ve a si mesma, como nos ven as persoas que nos visitan, e como vemos nós a quen nos visita".

Ademais, haberá tres exposicións sectoriais, centradas noutros tantos núcleos temáticos: perspectiva de visitantes, perspectiva de habitantes e actividade comercial. Estas exposicións poderanse visitar nos centros cívicos de Compostela, "e noutros espazos referenciais". Ao abeiro da colaboración que manteñen o Concello e a Rede Galabra da USC, está previsto que se poñan en marcha outras actividades de divulgación e participación. Así, haberá mesas redondas nas que participarán representantes veciñais, colectivos de comerciantes e partidos políticos.

Compartir: