MEDIO AMBIENTE

O Concello pon a disposición dos veciños 48 novos composteiros para a reciclaxe do lixo orgánico

06/02/2007 A Concellaría de Medio Ambiente abre, a partir de mañá mércores 7 de febreiro, o prazo para solicitar composteiros de uso domiciliario. O Concello distribuirá un total de 48 novas unidades destes composteiros –estruturas onde se depositan os residuos orgánicos para transformalos en compost– e ofrecerá asesoramento técnico sobre a viabilidade e as posibilidades deste sistema.

A distribución das unidades farase considerando só aquelas vivendas que reúnan as condicións axeitadas, que dispoñan de horta ou xardín, e por estrita orde de solicitude. Os composteiros cédense en depósito para a súa utilización, sendo responsabilidade das persoas depositarias o uso axeitado dos mesmos, segundo as instrucións que se lle indiquen. Os usuarios deberán facilitar o acceso dos técnicos municipais, así como dar a información que se lles requira en cada caso. De non cumprir coas instrucións indicadas, o Concello poderá retirar os composteiros.

As persoas interesadas na obtención dos composteiros poden presentar a súa solicitude no prazo de 10 días hábiles a partir do mércores 7 de febreiro, no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende nº 4 baixo), de luns a venres, no horario de 9 a 14 horas.

Esta nova convocatoria responde á boa acollida das anteriores. Así, o primeiro programa de compostaxe domiciliaria realizouse en 2003 cunha dotación de 150 unidades. Posteriormente, durante 2004 e o primeiro trimestre de 2005 asignáronse outras 93 unidades. En 2006 cedéronse en depósito 75 composteiros.

Reutilización

A compostaxe individual consiste na reutilización dos desperdicios orgánicos que se xeran nun fogar a través da súa transformación en fertilizante nun composteiro. O compost contén un alto valor fertilizante e contribúe a mellorar a estrutura do solo, protexe e aumenta a aireación do mesmo e vólveo lixeiro e poroso. É unha excelente nutrición para o solo do xardín ou da horta. Deste xeito, os refugallos orgánicos do xardín e cociña transfórmanse continuamente cun composteiro nun inmellorable humus. Polo tanto, é útil e conveniente aproveitar esta fonte de fertilización natural.

O composteiro dispón dunha apertura superior por onde se introduce a materia orgánica que se produce diariamente nos fogares (poden ser restos de comida crúa ou cociñada, sobrantes como peles de froitas, cascaras de ovos, etc.) e aqueles restos vexetais que se poden xerar na horta (ramas da poda, herbas, ...). O illamento dentro do composteiro dos refugallos orgánicos permite que a maduración do compost favorecida polo calor que se xera e acumula no interior.
Estes desperdicios sofren un proceso de fermentación que os transforma nun fertilizante orgánico de gran calidade, O compost. Este fertilizante natural pode ser retirado a través da apertura que o composteiro ten na súa parte inferior e ser empregado como fertilizante no propio xardín ou horta.

Bonificación na taxa do lixo

Cómpre lembrar tamén que a taxa do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos prevé beneficios fiscais, cunha bonificación da tarifa dun 50 % a produtores de lixo que nas súas vivendas realicen compostaxe da materia orgánica mediante composteiros. A bonificación por autocompostaxe deberá validarse por comprobación dos técnicos municipal da existencia do composteiro, así como da súa utilización.

Compartir: