SAÚDE

A campaña "Camiñar é saúde" promoverá os roteiros verdes de Compostela para mellorar a nosa calidade de vida

16/04/2019 Esta mañá, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentaron en rolda de prensa Camiñar é saúde, unha campaña para promover entre a cidadanía compostelá a saúde e a calidade de vida a través da práctica de actividade física moderada, ao tempo que descubrimos todas as posibilidades que ofrecen os camiños verdes que percorren os parques da cidade.

Concha Fernández sinalou que "camiñar é un dos mellores exercicios que podemos facer, xa que mellora a circulación, os niveis de colesterol e axuda a reducir o estrés". Xunto a ela, Xan Duro, resaltou que "esta iniciativa vén a complementar a aposta feita pola recuperación ambiental de moitas zonas de Compostela, que nos últimos anos gañou case 12 quilómetros de sendas verdes polo Sar e o Sarela". O concelleiro destacou que Compostela é unha das cidades do Estado con máis zonas verdes -52 metros cadrados por habitante se contabilizamos toda a superficie verde do municipio- e mellor calidade do aire; e engadiu que esta campaña servirá tamén para promover "a vinculación emocional co territorio e cos ritmos da natureza, que son fundamentais para a saúde".

A campaña Camiñar é saúde vén acompañada dun díptico informativo cun decálogo onde se sinalan os efectos positivos de camiñar no curto prazo, como a mellora da circulación do sangue; o fortalecemento dos ósos e a tonificación dos músculos; a diminución dos niveis de estrés; a mellora do estado de ánimo; evitar a obesidade e a celulite; ou favorecer as relación sociais. Como melloras na saúde a medio e longo prazo, reduce o risco de padecer enfermidades cardíacas; prevén a aparición de diabetes; contribúe á loita contra o cancro de mama; reduce o risco de ter accidentes cerebrovasculares e mellora a vida sexual.

O díptico compleméntase cun mapa onde se poden consultar os principais espazos verdes para camiñar en Compostela, a súa ubicación, extensión e tempo aproximado que leva facer cada percorrido. O mapa presenta 20 roteiros de alto valor patrimonial onde se pode practicar actividade física: a Alameda, o parque Eugenio Granell no Paxonal, o parque de Vista Alegre na finca Simeón, o paseo fluvial do río Sarela, o parque de San Domingos de Bonaval; o parque de Belvís; o parque do Campus Sur; a carballeira de San Lourenzo; o parque de Galeras; o parque da Finca do Espiño; o parque da Granxa do Xesto; as Brañas de Sar; a ruta que une os parques Pablo Iglesias, Ponte Mantible, Blanco Amor e San Caetano; o parque do Monte da Almáciga; o parque da Música; os parques das avenidas do Burgo das Nacións e de Xixón; os parques Fermín Bouza Brey e Alexandre Bóveda; o parque de Carlomagno nas Fontiñas; e o Bosque de Galicia xunto co parque do Lago no monte Gaiás.

Ademais dos dípticos repartiranse mil chalecos de alta visibilidade para practicar actividade física con seguridade que se distribuirán na rede de centros cívicos; grupos de envellecemento activo; o grupo de maiores do barrio das Fontiñas; as persoas participantes no programa Pasos de saúde; nos grupos de actividade física e coidado de Agadea; no Consello Municipal de Saúde; e nas entidades veciñais e sociais que teñan interese en fomentar a actividade física e o vínculo emocional.

Compartir: