ALCALDÍA

Os Quinquilláns realizaron un roteiro teatral para comezar a celebrar a Festa do Banquete

13/04/2019 A segunda edición da Festa do Banquete celebrarase os días 3, 4 e 5 de maio no barrio de Conxo e, para preparar a data, a veciñanza tivo a oportunidade este sábado de coñecer que aconteceu aquel 2 de marzo de 1856.

Foi grazas aos Quinquilláns, que ofreceron un roteiro participativo e aberto para todo tipo de públicos, semellante ao ofrecido o ano pasado, para convidar aos veciños e veciñas á gran Festa do Banquete. No roteiro narráronse os feitos acontecidos aquel día de marzo de 1856, explicando os motivos polos que se celebrou o banquete.

Participaron Rosalía de Castro, interpretada por Rocío González; Aurelio Aguirre, a cargo de Inacio Vilariño; Hixinio Rodeiro foi Eduardo Pondal; a cacheirana que fixo de enlace de toda a historia estivo interpretada por Tero Rodríguez; o personaxe de Fandiño foi Borxa Insua e o crego interpretouno Lucho Penabade. A acción estivo acompañada pola música dos Muiñeiros do Sarela, mudando a regueifa do ano pasado polos cantos de taberna, o que permite destacar aínda máis o espírito festivo desta celebración.

O roteiro tivo unha duración de aproximadamente hora e media, con saída na praza de Cervantes e chegada á praza do Toural. A comitiva realizou as seguintes paradas: praza de San Agustín, San Fiz de Solovio e Orfas.

Festa do Banquete
Ademais de participar neste roteiro, as persoas qeu o desexen poden facelo no desfile de obreiros e artesáns do propio 5 de maio. Ademais, poden participar na organización da Festa do Banquete ou ben como persoa voluntaria co grupo que está a crear a Asociación Itínera. Para calquera desas opcións habería que contactar co Centro Cívico de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981 528 740.

Haberá obradoiros do traxe tradicional no Centro Cívico de Conxo durante os venres de abril, de 18:00 a 20:00 horas; e tamén obradoiros de deseño de vestiario de época, os sábados a partir das 18:00 h. Ambas as dúas actividades precisan inscrición previa.

Direccións relacionadas



Compartir: