EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Case 80 nenos e nenas participarán no Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa

11/04/2019 Todo listo para o comezo do Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que estean empadroados no Concello de Santiago. Ata o pasado 5 de abril inscribíronse un total de 79 escolares, 41 para o CEIP Monte dos Postes e 38 para o CEIP Raíña Fabiola.

Dos nenos e nenas anotados, 36 anotáronse na modalidade de comedor e actividades e 13 en madrugadores con almorzo e actividades. Co título "Primavera artística", as nenas e os nenos traballarán, durante os días 15, 16, 17 e 22 de abril, sobre as artes plásticas. Centraranse na pintura, a escultura e a fotografía. O obxectivo principal será desenvolver a creatividade e fomentar a expresión para que os nenos e as nenas descubran o seu potencial creativo.

Horarios
Como noutras ocasións, existe unha modalidade completa que dá dereito ao servizo de madrugadores con almorzo, comedor e actividades, dende as 7:45 e ata as 16:00 horas. No caso da modalidade de madrugadores con almorzo e actividades, o horario será de 7:45 a 14:00 horas; na modalidade comedor e actividades comezarase ás 9:00 e rematarase ás 16:00 horas, e na modalidade de só actividades o horario será de 9:00 a 14:00 horas.

Establécese un custo por programa completo de catro días e tamén por día solto, con redución do 50 e do 100% do custe para familias con poucos recursos.

Documentos relacionados



Compartir: