MEDIO RURAL E IGUALDADE

Chega FICRural, a Feira de Economía e Cultura Rural, que se celebrará entre o 17 e o 23 de xuño

11/04/2019 O Concello de Santiago e a Deputación da Coruña organizan o FICRural (Feira Internacional de Economía e Cultura Rural e Alternativa), unha actividade nacida co obxectivo de ser un foro de intercambio e divulgación de experiencias en entornos rurais. Os detalles da iniciativa déronos esta mañá a concelleira de Igualdade e o concelleiro de Medio Rural, Marta Lois e Rafael Peña; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e Aser Álvarez, organizador do FICRural.

A acción busca ser un evento multidisclipinar sobre economía e emprendemento rural. Marta Lois fixo fincapé en que esta actividade é posible "grazas á colaboración institucional entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, que permite que poidamos abrir por primeira vez un programa de dinamización socioeconómica integramente dedicado ao rural".

Poñer en valor o rural e facelo máis próximo á veciñanza de Compostela é un dos obxectivos do evento, cuxas actividades centrais celebraranse do 17 ao 23 de xuño, aínda que tamén haberá algunhas no mes de maio. Tal e como indicou Goretti Sanmartín, "é necesario crear sinerxias entre o mundo rural e urbano, co foco posto na importancia de fixar poboación, levar servizos e apostar por unha economía diversificada". No rural de Compostela "viven 15.000 persoas e aínda así existe un gran descoñecemento da súa cultura por parte da poboación urbana", engadiu Sanmartín.

Nesa liña se pronunciou o concelleiro de Medio Rural, quen lembrou que "o mellor exemplo do descoñecemento que existe do noso rural vímolo no encontro organizado hai un par de semanas en Busto con motivo dos obradoiros de empoderamento da muller rural, onde o 80% delas nunca estiveran nesa parroquia". Rafa Peña quixo "parabenizar iniciativas transversais como estas, que colocan o rural no centro do mapa".

Aser Álvarez foi o encargado de explicar as accións que conforman o FICRural, que "ten tres obxectivos, como son poñer en valor as parroquias de Santiago, traer experiencias baseadas no coworking e poñer o foco na muller como dinamizadora do rural".

Tres eixos temáticos
A feira agruparase en tres eixos de actividades, como son FICRural Visión, FICRural Feira e FICRural Xogo.

No primeiro deles preténdese mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, así como crear un arquivo de recursos audiovisuais para a recuperación da memoria rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos. Así, desenvolverase a quinta edición do Festival de Cine Carlos Velo, ao que se presentaron xa máis de 200 traballos, e realizaranse actividades como obradoiros de cine, encontros ou xincanas fotográficas, co cancelo #FicRural.

Na segunda delas, FICRural Feira, crearase un espazo de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, compartindo experiencias con actores públicos e privados, estatais e internacionais, e xerando unha rede de contactos e colaboración entre axentes de proxectos de emprendemento rural e de dinamización dos recursos endóxenos de Compostela e doutros concellos da provincia da Coruña.

Coa terceira proposta preténdese divulgar o patrimonio lúdico galego, socializalo e levar as escolas os xogos tradicionais, como alternativa de ocio aos xogos actuais. Nese sentido desenvolveranse tamén roteiros e andainas no rural e accións que pretenden que os escolares de Compostela coñezan o patrimonio rural de Compostela. Así, os días 2, 3 e 6 de maio coñecerán as parroquias do "lonxano oeste" de Santiago como Laraño, A Peregrina e Santa Cristina de Fecha.

FICRural 2018 incorpórase ao programa Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. A Oficina de Promoción Económica leva apoiando a creación de empresas e o autoemprego a través de programas de formación, dinamización da actividade económica, encontro comercial e axudas dende a súa creación no ano 2004, existindo ademais esta liña de traballo e actividade con anterioridade a esa data no marco das accións da extinta Axencia de Desenvolvemento Local.

Direccións relacionadas



Compartir: