PLENO

O Pleno aproba definitivamente os estudos de detalle na ARI de Vite

10/04/2019 O Pleno da Corporación aprobou hoxe dous novos estudos de detalle da Área de Rehabilitación Integral de Vite, que se suman aos tres que recibiron luz verde en decembro. Este trámite é necesario para a instalación de ascensores e para acceder ás axudas á rehabilitación do Ministerio de Vivenda.

Os dous estudos de detalle da ARI de Vite foron aprobados cos votos a favor de Compostela Aberta e do BNG, mentres que PP e PSOE optaron pola abstención. O primeiro dos estudos de detalle aféctalle ao grupo de vivendas de Nosa Señora de Belén, que abrangue 32 bloques de vivendas da Avenida de Castelao, e das rúas de Ulpiano Villanueva, Domingo Andrade e Xesús Carro. O segundo estudo de detalle refírese a 19 bloques de vivendas das rúas de Carlos Maside e dos Irmandiños.

Modificación do PXOM no ámbito do vello Peleteiro
Pola contra, no Pleno de hoxe quedou rexeitada a proposta do Goberno para a modificación do PXOM no ámbito do vello colexio Peleteiro, que reducía a súa edificabilidade total e o uso comercial, ao tempo que incrementaba o uso residencial reservando un total dun 20 por cento para vivendas protexidas. A proposta contou cos apoios dos grupos de Compostela Aberta e do BNG, mentres que PSOE e PP se abstiveron, impedindo a aprobación do proxecto, que requiría de maioría absoluta.

Antes do debate do punto, interviron Paula Sánchez, de Em-Rede, e Delmiro Prieto, de Santiago Centro. Ambos explicaron que a modificación fora consensuada co tecido comercial e veciñal do Ensanche, e solicitaron o apoio á proposta, polo interese da cidade.

No pleno tamén interviu Inés Jurjo, veciña da rúa de Alfredo Brañas. Foi a raíz dunha pregunta do PP sobre os problemas de convivencia nesta rúa que, segundo relatou, "impiden que a veciñanza descanse polas noites por mor do ruído procedente do botellón no que participan ducias de rapaces e rapazas". En resposta, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que "xa se reforzou o servizo de limpeza neste ámbito, e lamentablemente a falta de efectivos da Policía impide reforzar a vixilancia na medida na que sería desexable"

Modificativos de crédito
Outro dos acordos adoptados no Pleno de hoxe foi a aprobación de tres novos modificativos de crédito, que suman un importe total de 814.206 euros. Un deles servirá para dotar de fondos propios a reurbanización da rúa Clara Campoamor, financiada nun 80% con fondos da EDUSI e un 20% con recursos municipais. Neste caso, o expediente ascende a 103.466 euros e permitirá dotar a esta obra do crédito necesario que non vén recollido na prórroga orzamentaria.

O segundo modificativo ten como obxectivo aboar os gastos de remate de distintas obras que se comezaron o exercicio pasado e que, ao pertencer ao capítulo de investimentos, non se prorrogaron no orzamento. Deste xeito habilitarase crédito para o remate das obras de Espírito Santo, os accesos ao Palacio de Congresos, a pavimentación da avenida do Cruceiro da Coruña ou a N-550 de Cesar a Barciela. Finalmente habilitaranse 503.774 euros para o pagamento de gastos correntes e servizos varios, especialmente subministro eléctrico.

Ordenanza fiscal do lixo
Por último, o último Pleno ordinario do mandato aprobou a modificación da ordenanza fiscal da recollida do lixo, para incorporar a bonificación do canon de SOGAMA aprobado en xaneiro pola Xunta de Galicia. A concelleira de Facenda, María Rozas, explicou que esta medida suporá que SOGAMA lle facture ao Concello 300.000 euros menos que agora, "aforro que lle será repercutida á veciñanza, nun único recibo por cuestións de simplificación técnica".

Compartir: