CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece este luns un concerto no Paraninfo da Universidade

05/04/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa "A Escola na Cidade", un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, este luns 8 de abril, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. Os/as asistentes terán a oportunidade de escoitar Historia dun soldado, do compositor ruso Ígor Stravinski (1882-1971), un dos músicos máis relevantes do século XX. A batuta levaraa o mestre Maximino Zumalave e contarase coa colaboración do actor galego Xosé Barato como narrador.

Stravinski compuxo esta obra en 1917 a partir dun texto do seu amigo Charles Ferdinand Ramuz para tres actores, o soldado, o diaño e a princesa; e sete instrumentos, violín, contrabaixo, fagot, corneta, trombón, clarinete e percusión. O argumento está baseado nun conto popular ruso. Narra a historia dun soldado que, de volta a casa, atópase co diaño, que o engana para que lle cambie o seu violín -que representa a súa alma- a cambio dun libro que ten a virtude de predicir o futuro.

Novos concertos en abril e xuño
Dentro deste ciclo de concertos de "A Escola na Cidade", están programadas novas actuacións os días 9 e 10 e abril. E no mes de xuño celebraranse un total de cinco concertos protagonizados tamén por alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais, como colofón dos seus estudos.

Por outro lado, terá lugar o habitual concerto de fin de curso coa Real Filharmonía de Galicia, previsto para o día 6 de xuño no Teatro Principal de Santiago, baixo a batuta do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da EAEM e da Real Filharmonía de Galicia.

Compartir: