ACCIÓN CULTURAL

Acción Cultural publica unha guía para descubrir a escultura contemporánea de Santiago de Compostela

05/04/2019 A Concellaría de Acción Cultural vén de publicar unha guía para descubrir a escultura contemporánea de Compostela, dentro dunha serie que ten como obxectivo poñer en valor o "micropatrimonio" de Santiago. A concelleira Branca Novoneyra presentou hoxe a publicación, acompañada do seu responsable, Fran Peleteiro.

A concelleira de Acción Cultural explicou que o departamento quere "centrar a atención da veciñanza e tamén dos turistas neses elementos patrimoniais que escapan da ollada habitual, porque teñen unhas dimensións máis reducidas que os grandes edificios que son referenciais en Santiago". Branca Novoneyra incidiu en que "Compostela ten estatuas, pontes, bancadas, quioscos… que merecen ser postos en valor, porque pasan desapercibidos diante da inmensidade do noso patrimonio".

A guía presentada hoxe está dedicada á escultura contemporánea de Compostela, e centra a atención en pezas que podemos ver en lugares como Belvís, Vista Alegre, Bonaval, a Alameda ou o parque Eugenio Granell. Tal e como explicou Fran Peleteiro, trátase de "pezas que levan a firma de autores tan relevantes como Eduardo Chillida, Camiño Otero ou Díaz Fuentes; e autores galegos referentes como Francisco Leiro, Silverio Rivas ou Acisclo Manzano". Na guía tamén aparecen elementos tan simbólicos como o retrato de José Martí, recuperado tras o seu roubo e instalado no parque Eugenio Granell, ou As Marías. "Escollimos estas doce -engadiu Peleteiro- para descentralizar o turismo, centrándonos nos grandes parques de Compostela onde se poderán ver tres ou catro pezas". Dentro dese traballo fíxose tamén un importante labor na pescuda da autoría doutras moitas esculturas e déuselle entrada a novos escultores e escultoras grazas a un convenio coa Escola Mestre Mateo.

Unha ducia de obras
Na guía aparecen unha ducia de obras, espalladas por toda a cidade. No parque de Bonaval atópanse dúas delas: a Porta da Música de Eduardo Chillida, e unha discreta obra do artista coruñés Moncho Amigo. Outras dúas pezas referenciadas na publicación presentada hoxe atópanse no Parque da Música: o "Retrato póstumo de Asurbanipal", de Eugenio Granell, e o "Dolmen Novo Milenio", de Silverio Rivas.

Na guía tamén hai referencias á obra "A Pasionaria", o tributo do escultor compostelán Camilo Otero a Dolores Ibárrurri, localizada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde tamén se atopa a "Homenaxe a Valle-Inclán", de José Díaz Fuentes. Do parque Eugenio Granell seleccionáronse outras dúas esculturas: a titulada "Ríos de ferro-A gran onda", deseñada por Óscar Aldonza e realizada colectivamente no Obradoiro de Forxa da Quintana, organizado polo Concello en 2017; e a escultura de José Martí de José Delarra, que fora roubada da avenida de Santiago de Cuba e que foi recuperada polo Concello para esta localización no ano 2017.

A guía da escultura contemporánea complétase coa "Homenaxe a Castelao" de Francisco Leira, localizada na carballeira de Santa Susana, a peza "Vae Victis.1936...", de Acisclo Manzano, que se atopa na praza Rodríguez Cadarso do Campus Sur, As Marías de César Lombera, e o conxunto escultórico do parque de Belvís que foi instalado baixo a coordinación de Óscar Aldonza e que está composto por tres obras: "Impulso necesario", de Eva Fernández; "A man", de Juan Pablo Venditti, e "Itínere", de Lucía Perdiz. Fíxose unha tiraxe de 3.000 exemplares que se distribuirán polos museos da cidade, os cines, comercios con matiz cultural e a Escola Mestre Mateo.

Compartir: