ALCALDÍA

A Festa do Banquete celebrará a súa II edición os vindeiros 3, 4 e 5 de maio

04/04/2019 A carballeira de Conxo acollerá, por segundo ano, a Festa do Banquete cunha chea de actividades que se celebrarán os días 3, 4 e 5 de maio. A encargada de dar conta das mesmas foi a concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois.

Tal e como lembrou a edila, "a Festa do Banquete celebrouse de novo o ano pasado, máis de 150 anos despois daquel 2 de marzo de 1856, cunha gran festa á que asistiron miles de composteláns e compostelás, aproveitando a recuperación ambiental do espazo que, dende aquela, pode gozar a veciñanza durante todo o ano".

A Festa do Banquete conta con varias novidades este ano. Por unha banda, amplíase ao venres, xornada que servirá para que a cativanza goce de diversas actividades. Por outra banda, nesta edición implicouse tamén aos barrios de Santa Marta, Pontepedriña, A Rocha e O Castiñeiriño, por petición popular, por ser zonas pertencentes ao antigo concello de Conxo.

Participación
Marta Lois explicou que durante os últimos meses se estivo a traballar cunha protocomisión do barrio, de cara a facela partícipe da Festa. Ademais, co gallo de preparar as actividades que formarán parte da mesma, levaranse a cabo distintas accións durante as semanas previas. As persoas que o desexen poden sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais, ben ao roteiro histórico-teatral do sábado 13 de abril ou ao desfile teatral de estudantes e artesáns do domingo 5 de maio. Tamén poden participar ou na organización da Festa do Banquete ou ben como persoa voluntaria co grupo que está a crear a Asociación Itinera. Para calquera desas opcións habería que contactar co Centro Cívico de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981 528 740.

Haberá obradoiros do traxe tradicional no Centro Cívico de Conxo. Será os venres de abril, de 18:00 a 20:00 horas; e tamén obradoiros de deseño de vestiario de época, os sábados a partir das 18:00 h. Ambas as dúas actividades precisan inscrición previa.

Haberá sesións informativas sobre o traxe tradicional e vestiario de época nos centros cívicos de Santa Marta, Castiñeiriño, Pontepedriña e A Rocha cos seguintes horarios:

- Centro Cívico da Pontepedriña: luns 8 de abril, ás 17:30 h, sesión informativa Obradoiro de Traxe Tradicional de Época; ás 18:15 h, sesión informativa Obradoiro de Vestimenta de Época.

- Centro Cívico de Santa Marta: xoves 4 de abril, xuntanza informativa ás 19:30 h; martes 9 de abril ás 18:00 h, sesión informativa Obradoiro de Traxe Tradicional de Época; ás 18:45 h, sesión informativa Obradoiro de Vestimenta de Época.

- Centro Cívico da Rocha: xoves 11 de abril ás 18:30 h, sesión informativa Obradoiro de Traxe Tradicional de Época; ás 19:15 h, sesión informativa Obradoiro de Vestimenta de Época.

- Centro Cívico do Castiñeiriño: xoves 11 de abril, ás 17:30 h, sesión informativa Obradoiro de Traxe Tradicional de Época; ás 18:15 h, sesión informativa Obradoiro de Vestimenta de Época.

Mural
Marta Lois deu conta tamén dun gran mural que Pacho de la Peña e Antón Pascual elaboraron nos últimos meses para engalanar a zona do Banquete. A obra, formada por máis de 8.000 pezas pequenas, recrea aquel 2 de marzo de 1856 e nel pódense ver aos protagonistas da mesma. Incluso se intúe a presenza da propia Rosalía de Castro, que se rumorea que tamén participou.

Historia
O Banquete de Conxo foi un dos principais fitos da historia contemporánea de Galicia. O 2 de marzo de 1856, un grupo de estudantes universitarios, entre os que estaban Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Luís Rodríguez Seoane e Manuel Murguía -mesmo especúlase que tamén tivese asistido Rosalía-, convidaron a obreiros e artesáns de Compostela a un xantar baixo o abrigo da carballeira de Conxo. A comida foi servida polos propios estudantes vestidos de frac, nun xesto de gran simbolismo. Durante o banquete fixéronse brindes nos que se leron proclamas progresistas e demócratas consideradas como subversivas polos poderes dominantes da época.

Este acto de fraternidade celebrouse dez anos despois da falida revolución de Carral e os seus promotores foron ameazados co desterro.

Documentos relacionados



Compartir: