MEDIO AMBIENTE

O Concello e Compostela Inserta poñen en marcha unha campaña de sensibilización sobre a reciclaxe do aceite usado

04/04/2019 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia e Compostela Inserta poñen en marcha unha nova campaña educativa sobre a reciclaxe dos aceites vexetais usados, que chegará á práctica totalidade dos centros de ensino de Santiago. Ao tempo, o proxecto pretende dar a coñecer a figura das empresas de inserción e sensibilizar á poboación sobre as persoas que se atopan en situación ou risco de exclusión social.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe a campaña, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o responsable de Compostela Inserta, Miguel Fernández, e tres das persoas que se encargarán de impartir as charlas de sensibilización ambiental: Tania Arca e Beatriz Seoane, de Compostela Inserta, e Santiago López, da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia. O edil lembrou que "as accións educativas comezaron xa en 2018, e os colexios seguen demandando información tanto sobre a utilización do aceite usado producido pola cidadanía nos seus fogares".

Xan Duro incidiu en que "é importante concienciar á poboación dos prexuízos que ocasiona o vertido do aceite de cociña nos lugares erróneos, e como en todas as campañas relacionadas co medio ambiente e a reciclaxe, cremos que o que ten mellores resultados é actuar sobre a poboación máis nova, que despois exerce o labor educativo nas súas casas e coas súas familias". Ao mesmo tempo, o edil salientou que "esta campaña serve tamén para dar a coñecer a figura de empresas de inserción laboral como Compostela Inserta, que en Compostela se encarga do tratamento dos aceites vexetais usados".

Centros educativos
A campaña de sensibilización está dirixida ao alumnado de primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional de Santiago. Xa está confirmada a participación de 13 centros de Educación Infantil e Primaria; doce institutos de Educación Secundaria e 21 centros educativos privados ou concertados.

O persoal de Compostela Inserta encargarase de impartir as charlas, que irán sempre adaptadas á idade dos alumnos e alumnas. Tamén se colocarán contedores temporais para depositar ao aceite usado, nun lugar visible dos centros, e entregarase material informativo sobre os lugares nos que se pode deixar ese tipo de residuo en Compostela.

Datos de recollida
No primeiro trimestre de 2019, Compostela Inserta retirou 1.192 litros de aceite vexetal usado nos puntos instalados nos centros cívicos da Gracia, A Rocha, A Trisca, Almáciga, Amio, Castiñeiriño, Conxo, Cornes, Ensanche, Fontiñas, Pontepedriña, O Romaño, Santa Marta, Villestro e Vite. Son 192 litros máis que no mesmo período de 2018. O ano pasado pechouse cun total de 3.647 litros de aceite usado retirados, dato que supuxo un notable incremento con respecto aos 2.880 litros recollidos en 2017. Nos anos 2015 e 2016, a cifra roldou os mil litros, de xeito que o aumento na recollida de aceite usado entre 2014 e 2018 foi do 265%.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia lembrou que "un litro de aceite usado pode contaminar mil litros de auga". Ademais, Xan Duro incidiu nos problemas que o aceite causa na rede de saneamento, e nos sobrecustos que pode supoñer para a as estacións depuradoras de augas residuais. Lembrou ademais que este tipo de residuos "pode ser reciclado, por exemplo para a produción de biodiesel, como fai Compostela Inserta".

Compartir: