DEPORTE

Máis de 400 nenos e nenas participarán no I Mini BTT Cidade de Santiago

03/04/2019 A Granxa do Xesto acolle este sábado o I Mini BTT Cidade de Santiago, e o X Cross Country Olímpico Cidade de Santiago, organizados polo Club Ciclista Compostelano. Os eventos foron presentados hoxe pola concelleira de Deporte, Noa Morales, e as vicepresidentas do Club, Mónica González e Lourdes Couceiro.

No caso do I Mini BTT, reunirá en Compostela a 430 nenos e nenas de distintas partes de Galicia que competirán a partir das 10:30 horas. Mónica González explicou que "neste torneo dáse a posibilidade de facer unha licencia para un único día, aínda que os nenos e as nenas non estean federados", co que se pretende animar á participación.

Xa pola tarde terá lugar, a partir das 16:30 horas, o X XCO (Cross Country Olímpico) Cidade de Santiago, no que está previsto que participen arredor de 200 participantes. Neste caso trátase da segunda proba da temporada, que deu comezo en Mugardos a pasada fin de semana na proba de Montefaro, da que resultou vencedor Jorge Punzón.

Tal e como explicou Lourdes Couceiro, "o sábado, a Granxa do Xesto será unha festa do BTT cun ambiente moi familiar e onde se busca fomentar o deporte e os hábitos de vida saudables". A entrega de premios será no propio recinto da Granxa do Xesto, a partir das 14:30 horas para o caso da Mini BTT e ás 20:00 horas para o XCO.

Compartir: