MOCIDADE

O Concello impulsa o proxecto #SenCancelas, que busca ser un espazo de socialización en lingua galega para a mocidade

03/04/2019 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou hoxe o proxecto #SenCancelas, posto en marcha polo Departamento de Mocidade en colaboración co Departamento de Lingua, ao abeiro dos orzamentos participativos. Trátase dun proxecto de ocio alternativo destinado á xeración de mozos e mozas nados entre 2002 e 2005 que necesitan dun contexto de socialización propio para desenvolver os seus intereses nos medios dixitais e onde a lingua galega teña un espazo propio. Na rolda participou o encargado da acción, Óscar Maceira.

Tal e como explicou a edila, "a actividade promoverá que a xuventude desenvolva o seu propio proxecto piloto (montar un podcast, crear o seu videoxogo, gravar un disco de hip hop, publicar o seu cómic, ter a súa canle de Youtube...) enfrontándose coas dificultades de levar a cabo unha idea emprendedora e poñendo en contacto a diferentes mozos e mozas con ideas afíns ou complementarias".

O nome de #SenCancelas trata de definir o espírito do proxecto, xa que marca un territorio libre de prexuízos, en constante evolución, sen fronteiras, aberto ás diferenzas, colaborativo e de portas abertas. Quere chegar a ser un referente para a mocidade de Compostela, ofrecendo un espazo no que se teñen en conta os intereses deste colectivo adaptándose aos seus códigos, formas de relacionarse ou ritmos.

Preténdese crear un lugar no que poder descubrirse como persoas e atopar xentes con obxectivos comúns mentres se estimulan, organizan e materializan as súas inquedanzas a través de sinerxias positivas. Este complexo percorrido terá como resultado a posta en marcha de ideas creativas xurdidas do traballo colaborativo da mocidade asistente ao programa e difundido a través da páxina web sencancelas.gal e a Mostra Creativa ao final do programa.

Horarios
#SenCancelas desenvolverase todos os luns durante dúas horas de 18:00 a 20:00 no Centro Xove de Almáciga, dende o 22 de abril ao 15 de xullo e do 2 de setembro ao 16 de decembro. O período de inscrición é do 1 ao 15 de abril, enviando un correo a dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

Compartir: