ALCALDÍA E DEPORTE

Recepción á Selección Española Sub-19 feminina que xogará a clasificación para a Eurocopa no Estadio Verónica Boquete

02/04/2019 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu a recepción oficial á Selección Española Sub-19 feminina, que a partir de mañá xogará tres partidos clasificatorios para a Eurocopa que se xogará este verán en Escocia. Foron recibidas polo alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Deporte, Noa Morales, e os edís Gonzalo Muíños e María Corral.

O delegado da Federación Española de Fútbol, Andrés Clavijo, agradeceu na súa intervención "o apoio da cidade de Santiago durante estes días, moi importante para o fútbol feminino".

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, volveu amosar a "satisfacción de que Galicia poida acoller esta ronda elite e que unha localidade tan emblemática como Compostela poida gozar dela". Así mesmo tamén puxo o foco "no magnífico momento que está a vivir a selección española de fútbol feminino, en todas as súas categorías".

Finalmente, o alcalde amosou a súa satisfacción porque o Verónica Boquete de San Lázaro acolla partidos "de máximo nivel" e puxo o foco "na importancia de reivindicar o fútbol feminino porque estamos a falar dunha reivindicación xusta e histórica".

Ronda elite
A Selección Española xogará tres partidos clasificatorios, correspondentes á ronda elite, fase que consta de sete grupos e onde cada gañador, xunto ao mellor segundo, avanzará á ronda final. En cada un dos grupos hai un equipo anfitrión que acolle todos os partidos clasificatorios. No caso do Grupo 4, ao que pertence a Selección Española Sub-19 feminina, o país anfitrión é España, de tal xeito que o Estadio Verónica Boquete e o Municipal de A Lomba (Vilagarcía de Arousa) serán as sedes desta fase. España parte como favorita, tras gañar o Europeo do 2018 contra Alemaña en Suíza.

A dinámica dos encontros será en formato liguiña de todos contra todos. Os partidos que acollerá o Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro son o España-Serbia, o mércores 3 de abril ás 18:30 horas; o España-Hungría, o sábado 6 ás 18:30 horas; e o Irlanda-España, o martes 9 de abril ás 18:30 horas. As entradas son de balde e poden conseguirse enviando un e-mail a eventos@futgal.es ou na billeteira do estadio os días de partido.

Compartir: