PERSOAL

Pechado o acordo retributivo co persoal municipal

05/02/2007 O Goberno municipal pechou coas centrais sindicais CIG e CC.OO. un acordo que determinará o incremento das retribucións dos empregados municipais para os vindeiros anos. A súa vixencia rematará no 2010.

O acordo resolve os puntos que restaban por aplicar do anterior acordo retributivo 2005-2007. Cara o período 2007-2010, destaca a aplicación xeneralizada no 2008 da paga de produtividade vinculada á formación, a inclusión do 100% do complemento específico nas pagas extraordinarias a finais do 2010 ou a redefinición deste complemento específico. Así, inclúese no mesmo as contías que se abonaban por outros conceptos, a fectos de que este complemento garde a axeitada relación co contido dos distintos postos de traballo. Ademais, esténdese a todo o persoal a prima por xubilación, da que estaban excluídos os colectivos de policías e bombeiros.

Trátase dun acordo que, segundo resaltaron a concelleira de Persoal, Marta Álvarez Santullano, e o concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama –representantes municipais nesta mesa de negociación–, satisface a ámbalas partes e sitúase no marco do establecido pola Administración central para avanzar na recuperación do poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos.

Compartir: