TURISMO

Santiago incrementa a súa presenza nos mercados turísticos internacionais

02/02/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado do concelleiro de Turismo, Francisco Candela, asistiu á Asemblea Extraordinaria do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), que tivo lugar ás 11 da mañá na sede da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), en Madrid. Trala reunión, arredor das 13.30 h. o GCPHE asinou un convenio de colaboración con RENFE, e pola tarde, outro con Turespaña, que implica o Plan Anual de Actuación 2007.

O Plan Anual de Actuación 2007 para o desenvolvemento e promoción turística-cultural do GCPHE prevé un plan de comunicación para atender a demanda por parte dos medios de comunicación, tamén recolle o compromiso de elaborar unha axenda cultural cos eventos de interese para o turista internacional. Pola súa banda, Turespaña creará unha canle temática sobre o GCPHE dentro do seu portal de promoción turística (www.spain.info) e garantirá a presenza do devandito grupo de cidades nas feiras turísticas internacionais de Berlín e de Xapón, así como o apoio e a invitación para participar en xornadas directas dos mercados de China, Xapón, Corea do Sur e Taiwán, Europa do Este ou India; nos mercados británico, austríaco e alemán apoiarase a presentación do produto. Tamén se promocionarán diversas viaxes e presentacións á prensa especializada en mercados de todo o mundo.

Convenio con RENFE

O convenio asinado co director xeral de Alta Velocidade e Larga Distancia de RENFE, Abelardo Carrillo, ten como obxectivo executar programas de colaboración conxunta. Deste xeito, RENFE promoverá entre o Grupo viaxes de familiarización dirixidos á prensa especializada, axentes de viaxes e turoperadores, e presentacións. Tamén elaborará un folleto combinando itinerarios de viaxe por ferrocarril por cidades Patrimonio, que enviará a colexios e axencias de viaxes; promoverá a aplicación de ofertas especiais en traxectos ás cidades; xestionará acordos con compañías aéreas e actuacións para facer estensivas as accións de promoción en Ibiza e San Cristóbal de La Laguna. Toda a acción promocional estará visible nun destacado de ofertas na web de RENFE. Así mesmo, dará publicidade e cobertura ao pasaporte de RENFE-GCPHE e sorteará viaxes nestes traxectos.

Pola súa banda, o GCPHE comprométese a promocionar os produtos que se desenvolvan como consecuencia deste convenio, crear un pasaporte específico, colaborar na organización das viaxes e no desenvolvemento e execución de accións conxuntas. Para a posta en marcha e control das actividades previstas, créase unha Comisión de Seguimento.

O Stand de Galicia, premiado

Durante a súa estadía en Fitur, o alcalde compostelán visitou, xunto co presidente da Xunta, o Stand de Galicia, que recibiu o premio, compartido co de Euskadi, ao mellor Stand da Feira. No discurso ofrecido durante a entrega do premio, Emilio Pérez Touriño, salientou a importancia do Camiño de Santiago como factor de atracción de turistas a Galicia.

O GCPHE, irmandado pola distinción da UNESCO desde 1985, creouse no 1993 co obxectivo de realizar unha promoción turística conxunta, así como para contribuír á conservación e o desenvolvemento das mesmas mediante a realización de proxectos comúns. Todas as cidades integradas nesta asociación contan cun patrimonio magnificamente conservado, con singulares valores históricos, arquitectónicos e culturais. O Grupo está formado polos concellos de Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Compartir: