ALCALDÍA

Santiago acolle a Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade

22/03/2019 Santiago acolle mañá a Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, o máximo órgano da entidade. Os alcaldes e alcaldesas do Grupo foron recibidos este mediodía no Pazo de Raxoi, nun acto presidido polo rexedor compostelán, Martiño Noriega.

A Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebrarase mañá pola mañá, pero os alcaldes e alcaldesas das 15 cidades comezaron a chegar xa a Compostela. Este mediodía participaron nunha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, na que o presidente de turno do grupo e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal, asinou no Libro de Honra da Cidade.

Durante o acto, o alcalde de Santiago mostrou a satisfacción da cidade "por facer parte deste grupo, que vén traballando intensamente en prol dos obxectivos comúns das cidades en materia de conservación do patrimonio". Martiño Noriega salientou tamén a aposta decidida do grupo "por un turismo cultural e de calidade", e mostrou o seu convencemento de que todo o traballo realizado polas Cidades Patrimonio seguirá dando os seus froitos.

Na mesma liña, o presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal, lembrou que "as cidades do grupo somos modestas, pequenas en poboación pero con grandes ambicións, con problemáticas similares e cunha aposta común polo turismo cultural". Ademais, o rexedor tivo palabras de eloxio para Compostela, "unha cidade na que teño estado como estudante, como peregrino e como alcalde, e que segue sendo tan acolledora como sempre".

Asemblea Xeral
Forman parte da Asemblea: Javier Rodríguez Palacios, alcalde de Alcalá de Henares; José Luis Rivas Hernández, alcalde de Ávila; Dolores Marín Torres, alcaldesa de Baeza; Elena Nevado del Campo, alcaldesa de Cáceres; Isabel Ambrosio Palos, alcaldesa de Córdoba; Ángel Mariscal Estrada, alcalde de Cuenca e presidente do Grupo; Rafael Ruiz González, alcalde de Ibiza/Eivissa; Antonio Rodríguez Osuna, alcalde de Mérida; Carlos García Carbayo, alcalde de Salamanca; José Alberto Díaz Domínguez, alcalde de San Cristóbal de La Laguna; Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Santiago de Compostela; Clara Luquero Nicolás, alcaldesa de Segovia, Josep Félix Ballesteros Casanova, alcalde de Tarragona, Milagros Tolón Jaime, alcaldesa de Toledo; e Antonia Olivares Martínez, alcaldesa de Úbeda

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que celebrou en 2018 o seu XXV aniversario, ten como obxectivo actuar de maneira conxunta na conservación, na posta en valor e na promoción turística das 15 cidades españolas cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Sábado 23 de marzo
9:45 horas.- Foto de familia.
10:00 horas.- Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.
12:00 horas.- Rolda de prensa.
12:45 horas.- Encontro dos alcaldes e alcaldesas do Grupo co reitor da USC, Antonio López.

Compartir: