DEPORTE

"A Cidade do Futsal" alcanza a súa sexta entrega os días 30 e 31 de marzo

20/03/2019 Este mércores presentouse na sala Eisenman da Cidade da Cultura a VI edición do torneo A Cidade do Futsal, o evento de referencia de fútbol sala de base en Galicia, que se celebrará os días 30 e 31 de marzo na Cidade da Cultura. No acto participaron a concelleira de Deporte, Noa Morales; a xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a xerente de Servizo de Viaqua, Ana Tejeiro, e o presidente do Santiago Futsal, Ramón García.

A concelleira Noa Morales recalcou a importancia da Cidade do Futsal como un "evento consolidado na axenda deportiva da cidade de Santiago" e que "fai unha aposta firme polo deporte de base non só en Santiago, se non tamén en Galicia".

Pola súa parte, a xerente da Cidade da Cultural, Ana Isabel Vázquez, agradeceu publicamente que o Santiago Futsal e Viaqua pensasen de novo no complexo do Gaiás para a celebración deste evento deportivo. "Estamos entusiasmados de recibir aquí de novo esta competición", expresou.

Ana Tejeiro, xerente de Servizo de Viaqua, tamén se amosou encantada de "compartir esta iniciativa" e felicitou ao Santiago Futsal, á Cidade da Cultura e ao Concello de Santiago pola "súa colaboración nunha celebración que xa conta con moito peso no deporte basee galego".

Finalmente, o presidente do Santiago Futsal, Ramón García, resumiu a premisa do evento: "espéranos unha fin de semana de deporte e de lecer, na que preto de 400 xogadores/as, técnicos/as e pais e nais de toda a xeografía galega terán a oportunidade de divertirse e intercambiar experiencias pero, sobre todo, de compartir a súa paixón polo fútbol sala."

A inscrición está aberta e pódese realizar presencialmente nas oficinas do Santiago Futsal ou a través do correo electrónico administracion@santiagofutsal.com.

Compartir: