FESTAS

"A Rueirada. Día de Mortos en México", carroza e comparsa gañadoras do desfile do Entroido

17/03/2019 Este domingo celebrouse o desfile do Entroido que fora adiado o pasado día 5 por mor do mal tempo. Os participantes concentráronse na avenida de Ferrol para logo desfilar polas rúas de Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. A entrega de premios celebrouse no Teatro Principal.

A gran triunfadora da noite foi a formación denominada "A Rueirada. Día de Mortos en México", que gañou tanto na categoría de carroza (3.000 euros) como na de comparsa (2.400 euros). Na modalidade de carroza, segunda e terceira clasificada quedaron "Paseando no século XVIII" e "Wakanda na rúa", que levaron, respectivamente, 2.000 e 1.000 euros. Na categoría de comparsas, "Gran circo de Laraño", e "Paseando por palacio" quedaron en segundo e terceiro lugar, levando 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.

Tamén recibiron premios especiais as mellores comparsas dos barrios e parroquias de Santiago de Compostela, que se fixeron con 1.200, 600 e 400 euros como agasallo. As triunfadoras foron "Os 4 elementos", "Mares de plástico" e "Fantasía primaveral".

O xurado elixiu a "Vengadores" e "Os Minions" como os mellores grupos caracterizados. Para eles foron os premios de 800 e 400 euros.

A parella máis orixinal foi a denominada "Fariña", que recibiu un premio de 400 euros. Finalmente, os mellores disfraces individuais foron "Contigo aprendín", "Evolución. O cabalo saltamontes" e "O país das marabillas", premiados con 300, 200 e 100 euros, respectivamente.

Direccións relacionadas



Compartir: