ALCALDÍA

Minutos de silencio en recordo dos atentados do 11-M e polas últimas vítimas da violencia machista

11/03/2019 A praza do Obradoiro acolleu un minuto de silencio con motivo da conmemoración do 15º aniversario dos atentados do 11 de marzo de 2004, a proposta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e da Asociación de Vítimas do Terrorismo. A continuación, gardouse outro minuto de silencio para condenar os últimos asasinatos machistas, acontecidos en Valga (Pontevedra), Madrid e Estepona (Málaga).

O alcalde, Martiño Noriega, e outros/as integrantes da Corporación e do cadro de persoal participaron neste acto de lembranza das vítimas do atentado do 11 de marzo de 2004, que custou a vida a 193 persoas. Neste 11 de marzo celébrase tamén o Día Europeo das Vítimas do Terrorismo.

Vítimas da violencia machista
De seguido, gardouse un minuto de silencio en recordo das tres mulleres asasinadas nos últimos días. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: