FESTAS

O desfile de Entroido celebrarase o domingo 17 de marzo, data acordada coas entidades participantes

06/03/2019 O desfile do Entroido, adiado onte por mor do temporal celebrarase, finalmente o domingo 17 de marzo. Esa foi a data acordada coas diferentes carrozas e comparsas que tiñan previsto participar onte no evento, e que mostraron a súa dispoñibilidade para saíren ás rúas de Compostela nesa xornada.

A data do 17 de marzo foi fixada despois de que a Concellaría de Acción Cultural realizara unha rolda de contactos coas persoas responsables das carrozas, charangas e comparsas que estaban inscritas para participar onte no desfile. A concelleira Branca Novoneyra explicou que "as agrupacións de Santiago tiñan expresado o seu desexo de que o desfile se realizara, e pensamos que merecen mostrar o traballo que realizaron durante moitos meses para o martes de Entroido". Tamén lamentou que "as agrupacións que se desprazaron dende outros puntos de Galicia ata Santiago non puideran finalmente desfilar por cuestións de seguridade", e afirmou que "moitas delas mostraron tamén a súa disposición a regresar a Compostela o domingo 17 de marzo".

O desfile manterá o mesmo horario e o mesmo percorrido do previsto para o día de onte, coa excepción da entrega de premios na Sala Capitol, que se celebrará ao final do percorrido. No evento poderán participar as agrupacións e persoas que xa estaban inscritas para o desfile de onte.

O Concello de Santiago optou onte por adiar o desfile do Martes de Entroido para garantir a seguridade das persoas participantes e máis do público asistente. Aínda que as previsións meteorolóxicas apuntaban a que o temporal tería as súas peores consecuencias en Compostela cara as sete da tarde, con tempo para que se realizara o percorrido, viuse que a chuvia empezou a caer con moita intensidade horas antes, poñendo en risco o transcorrer do desfile con normalidade. Malia que o desfile se ten realizado en anos anteriores baixo a chuvia, "nesta ocasión a intensidade das precipitacións, con 35 litros de auga por metro cadrado ás cinco da tarde e 70 litros ás sete da tarde, e máis o risco de fortes ventos recomendou a cancelación, como se fixo noutros moitos lugares de Galicia", indicou a concelleira.

O Concello lamenta as molestias ocasionadas pola cancelación do desfile do Martes de Entroido, e confía en que o evento poida celebrarse o domingo 17 de marzo con total normalidade e coa máxima participación tanto das comparsas e carrozas como da veciñanza de Compostela.

Compartir: