MEDIO AMBIENTE E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Medio Ambiente e Centros Socioculturais dan continuidade á súa campaña conxunta de educación ambiental

01/02/2007 Á vista do éxito do programa de educación ambiental posto en marcha o pasado Nadal, as concellarías de Centros Socioculturais e Medio Ambiente decidiron dar continuidade a esta iniciativa. Deste xeito, dende febreiro e ata xuño, os centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche volverán a acoller unha serie de obradoiros co fin de concienciar aos máis novos sobre a conservación do medio.

As actividades comezarán o sábado 3 de febreiro e, nesta primeira etapa, terán como tema o Antroido. En torno a esta festa, os rapaces traballarán sobre todo en cuestións relacionadas coa reciclaxe. Os rapaces poderán elaborar os seus disfraces e sairán á rúa para amosalos.

Despois deste, virán outros bloques temáticos, un ou dous cada mes, centrados en temas como a auga, a reciclaxe de cartón e envases, a contaminación nos sistemas acuáticos, a nutrición ou a ciencia divertida. Estes obradoiros completaranse con visitas ao río, a Sogama, ao punto limpo do Tambre, ao Museo de Historia Natural ou á Praza de Abastos.

A concelleira de Centros Socioculturais expresou o seu desexo de que as actividades teñan tanto éxito como as do Nadal, onde se puido observar "unha concienciación grande". Nesta campaña participou unha media de 150 rapaces cada día. Nisto mesmo incidiu a responsable de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, quen indicou que estes obradoiros axudarán a crear "unha conciencia crítica entre os máis novos sobre os problemas do medio ambiente".

As sesións da campaña desenvolveranse nos centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche, en horario de 11:00 a 13:00 horas. En cada unha das actividades programadas participaran ata 20 nenos de idades comprendidas entre os cinco e os doce anos.

Compartir: