MEDIO AMBIENTE

Avanza o proxecto da depuradora da Silvouta coa autorización da sinatura do convenio de colaboración por parte de ACUAES

28/02/2019 O Consello de Administración de ACUAES vén de autorizar a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Santiago para o financiamento do procedemento de diálogo competitivo preciso para determinar o proxecto da depuradora da Silvouta.

A autorización da sinatura deste convenio supón avanzar na consecución dunha solución definitiva ao sistema de depuración actual, tal e como lle avanzara a directora xeral de ACUAES, Rosa Cobo, ao alcalde de Santiago na xuntanza do pasado 24 de xaneiro en Madrid.

O procedemento de diálogo competitivo é un sistema de adxudicación da Lei de Contratos do Sector Público, que consiste na dirección dun diálogo por parte de ACUAES cos licitadores que resulten seleccionados, previa solicitude dos mesmos, co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras susceptibles de satisfacer as necesidades deste proxecto.

Tras desenvolver as propostas por cada un dos candidatos seleccionados durante a fase de dialogo competitivo, convidaráselles a que presenten a súa oferta definitiva, sendo seleccionada a que dispoña unha mellor relación calidade prezo en base aos criterios de valoración dispostos na invitación (técnicos, económicos e de prazo).

Tras a adxudicación e formalización do contrato co candidato mellor valorado, redactarase e tramitará o proxecto construtivo, incluíndose os trámites ambientais, de información pública e supervisión que conduzan á aprobación do mesmo e a súa execución final.

O custo máximo do diálogo competitivo fíxase en 450.000 euros a abonar nas anualidades 2020 e 2021. Esta cantidade máxima garante a cobertura dos traballos que fagan, como mínimo, os tres proxectos seleccionados na Fase final do diálogo competitivo. Ademais, os custos vencellados ao convenio compensaranse no convenio a subscribir para a execución das obras entre as diferentes administracións.

Antes de proceder á sinatura do convenio coa sociedade estatal ACUAES, o Concello terá que tramitar o convenio en Xunta de Goberno.

Compartir: