PERSOAL

Santiago de Compostela convértese no primeiro concello galego que regula a carreira profesional do persoal municipal

26/02/2019 O Salón Verde acolleu esta mañá a sinatura do acordo entre o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, e as centrais sindicais CIG, CCOO e CSIF, e o comité de empresa do Concello de Santiago, que supón continuar incorporando melloras nos dereitos do persoal municipal. Tal e como indicou María Rozas, trátase dun acordo que "ten orixe nunha proposta presentada por diferentes centrais sindicais e polo comité de empresa, sobre a que levamos meses negociando, modificando e axustando para conseguir a súa viabilidade xurídica".

Con esta proposta, o Goberno local cumpre o compromiso de poñer en marcha a Carreira Profesional e a Avaliación ao Desempeño. "Seríamos un concello pioneiro neste tema e totalmente innovador, converténdonos no primeiro de Galicia, e o segundo de España, despois do Concello de Valencia, en regular estas cuestións", tal e como indicou María Rozas na rolda de prensa posterior á sinatura do acordo.

Contido da proposta
Incorpóranse as bases para desenvolver unha carreira profesional e unha avaliación ao desempeño para os traballadores e traballadoras públicos. Supón un avance na modernización da administración local ao avaliar o traballo realizado e incentivar o cumprimento dos resultados e obxectivos "que serán remunerados". Deste xeito hai máis oportunidades de promoción en función dese desempeño.

Os sistemas de avaliación serán "uns sistemas obxectivos que virán incorporados nun regulamento e que permitirá unha maior eficiencia". María Rozas sinalou que "é positivo que se poida valorar e recoñecer economicamente o esforzo do persoal municipal nunha situación de moi pouco persoal no Concello, no que nos últimos anos se perdeu o 25% de plantilla e o resto asumiu o traballo".

"O acordo, que foi acadado coa maioría das centrais sindicais e co comité de empresa, inclúe outras cuestións máis alá da proposta de carreira profesional", segundo sinalou María Rozas. Estas propostas eran demandas das distintas centrais, como a convocatoria de concurso de xefaturas de negociado, a concreción de postos de segunda actividade ou a consideración dos sábados festivos para todo o persoal do Concello, aprobando un complemento específico por festividade e nocturnidade. Tal e como indicou Rozas, "estas propostas responden tamén ás demandas trasladadas pola Policía Local e supoñen un incremento na retribución deste corpo, así como a consideración dos sábados como festivos".

María Rozas explicou que "se compensará o traballo nocturno aplicando un coeficiente redutor da xornada dun 25%, que suporá 15 minutos por hora traballada, incorporando ademais catro días libres ao mes de quenda nocturna".

Compartir: