CULTURA

A Fundación Granell seguirá difundindo a cultura surrealista na súa nova tempada

01/02/2007 O alcalde e presidente do Padroado da Fundación Granell, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou a programación da entidade para o ano 2007. Nesta nova tempada, as actividades teñen o obxectivo de afondar en varias frontes de investigación e liñas de intervención abertas na Fundación.

A programación incide na investigación e difusión da cultura surrealista a nivel nacional e internacional e na investigación específica arredor da figura de Eugenio Granell. Con esta fin, a Fundación contará con exposicións temporais de produción propia, como a de Jesús Otero Iglesias, a mostra colectiva do Grupo Surrealista Sonámbula, a dos artistas surrealistas Rick e Elizé Lina, a de Eugenio Granell militante do POUM- coincidindo cos actos de conmemoración da Fundación de Andrés Nin- así como con exposicións, mínimo tres, realizadas cos fondos da Fundación. Ademais editaranse dúas obras literarias de Eugenio Granell, a novela "Lo que sucedió", e o ensaio "Historias dun cadro".

Outro dos puntos clave do programa será o compromiso cos novos valores da arte, para o que se disporá unha programación propia: os ciclos Xoves Poéticas Surrealistas e Insitu. Para este último acondicionarase o espazo do recibidor. Tamén continuará a colaboración institucións, que dará lugar a unha exposición realizada entre o CGAC, o Auditorio de Galiza, a USC e a Fundación Granell, titulada "O Debuxo por diante. A obra gráfica nas coleccións públicas da cidade". Ademais, este ano renovarase a colaboración coa Escola de Canteiros de Pontevedra.

A Fundación tampouco perderá a súa vertente didáctica, con visitas guiadas, visitas-taller ou obradoiros de creatividade para os nenos e nenas. Seguirá o Certame de arte escolar Eugenio Granell, os talleres para adultos impartidos por artistas plásticos, etc. Ademais, habilitarase de novo o espazo de Didáctica para situar o Recuncho de lectura para nenos e celebrar un maratón de lectura infantil "Alicia no país das marabillas", que terá lugar o día 29 de Marzo, organizado en colaboración coa asociación de libro infantil e xuvenil Gálix.

Entre os cometidos da Fundación Granell está co labor de apoio e promoción da literatura, contando o presente ano cun programa de actividades dedicado ao pobrense Ramón María del Valle-Inclán, e co maratón anual, dedicado a Juan Ramón Jiménez.

Aberta á cidadanía

Finalmente, a Fundación Granell pretende seguir coa súa vocación de espazo aberto á cidade Compostelán, dando acollida a iniciativas culturais dos máis diversos colectivos sociais. Como exemplo significativo, e formando parte das actividades a desenvolver co gallo do día internacional dos museos - o 18 de maio-, celebrarase o primeiro roteiro realizado en Galicia para visitar talleres de artistas, "O roteiro de creación contemporánea en Compostela". A actividade está orientada ao público en xeral e constitúe unha oportunidade única para coñecer de primeira man onde crean os artistas.

Acompañaron ao alcalde nesta presentación a directora da Fundación Granell, Natalia Fernández, e o concelleiro de Cultura, Néstor Rego.

Compartir: