POLÍTICAS SOCIAIS

O Consello Municipal de Saúde aproba o Plan Municipal de Atención Integral ás Persoas en Situación de Senfogarismo

20/02/2019 O Consello Municipal de Saúde vén de aprobar o Plan Municipal de Atención Integral ás Persoas en Situación de Senfogarismo de Santiago. Este documento supón o primeiro plan destas características elaborado por unha administración local de Galicia para fixar formalmente unha folla de ruta na prevención e abordaxe das diferentes situacións e circunstancias que condicionan a aparición ou o mantemento do senfogarismo. O Plan tamén se someterá aprobación ta da Xunta de Goberno e do Pleno da Corporación.

Este documento recolle o encargo da Estratexia Nacional Integral para as Persoas sen Fogar 2015-2020 e permitirá abordar de maneira integral a situación de senfogarismo na cidade, completando as accións que se veñen desenvolvendo nos últimos anos como os pisos de saída seguindo o modelo "housing first" ou os equipos de rúa que se manteñen con convenios con Feafes e Cruz Vermella.

A clave deste plan está na construción dunha cimentación, o máis sólida posible, para que nos vindeiros anos se mellore a abordaxe e prevención do senfogarismo. Tal e como recolle o documento aprobado onte, "a presenza e finalización do Plan coloca á capital de Galicia na vangarda da prestación de servizos sociais dirixidos a persoas sen fogar".

A abordaxe do Concello de Santiago de Compostela parte de dous puntos esenciais: por unha banda, dende o punto de vista dos dereitos humanos, no que significa a vulneración do dereito á vivenda e a saúde; por outra, cun achegamento participado do senfogarismo, por canto os elementos esenciais do Plan teñen sido comunicados, acordados e traballados co conxunto das entidades que participan na prestación de servizos sociais do municipio ao colectivo de persoas en senfogarismo.

O futuro Centro de Atención Integral como parte da estratexia
A dotación dun recurso habitacional de media estadía, como modo de transición a solucións habitacionais a longo prazo, foi e continúa a ser unha das importantes necesidades da cidade e este centro será a única e innovadora iniciativa pública. O Centro estaría dirixido a persoas maiores de idade e artellarase con diferentes niveis de participación, proporcionando servizos de atención ás necesidades básicas (hixiene, alimentación, descanso, empadroamento e canceira, entre outros) e de acompañamento psicosocial, ademais de programas específicos (ocupacional e formativo, de xestión do tempo libre, de participación social...) nun espazo con atención diúrna de media intensidade con requisitos de baixa esixencia. O Centro de Atención Integral estará chamado, dende a súa posta en funcionamento, a ser o que lidere e coordine a abordaxe do senfogarismo en Compostela.

Liñas estratéxicas
A primeira liña fundamental de actuación parte do liderado de Compostela en materia de abordaxe do senfogarismo. Así, proponse a creación dun Servizo Municipal de Atención ao Senfogarismo, como equipo protagonista do desenvolvemento das accións municipais neste eido. Tamén se propón levar a cabo un estudo específico sobre a muller en situación de senfogarismo en Santiago, atendendo especialmente aos seguintes puntos: violencia exercida contra as mulleres sen fogar, presenza das mulleres en cada unha das 13 categorías operacionais ETHOS e relación entre violencia de xénero e situación de vivenda insegura. Tamén se renomeará a Mesa Técnica, que pasará a denominarse Foro Técnico, e fomentarase a Mesa Xeral de Atención a Persoas en Situación de Senfogarismo, coa finalidade de convertelas en verdadeiros referentes da acción do concello na materia.

A segunda liña estratéxica ten por nome "Prevención do senfogarismo e atención continuada ás persoas en situación de senfogarismo". Proponse ofertar dende o Concello unha serie de servizos de intervención psicosocial e educativa, dirixida á orientación e ao acompañamento, así como crear un servizo de asesoramento en materia de vivenda para aquelas persoas con recursos limitados.

A terceira liña estratéxica titúlase "Formación e sensibilización relacionada co senfogarismo" e propón fomentar a formación mutua entre Servizos Sociais Comunitarios e entidades sociais do municipio, coa realización de talleres auto-formativos ou de posta en común de metodoloxías e abordaxes. Na liña do anterior buscarase fomentar a formación de persoal de saúde, persoal de xulgados e tribunais, de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e centros de ensino en materias sociais, en relación coa situación de senfogarismo.

Finalmente, a liña estratéxica catro inclúe programas específicos e abordaxes xerais como o reforzo dos cadros de persoal dos Servizos Sociais con respecto ao persoal de Traballo Social, Psicoloxía, Socioloxía, Educación Social...

Compartir: