MEDIO AMBIENTE

"Descarboniza! Que non é pouco..." chega a Donostia

19/02/2019 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a súa homóloga no Concello de Donostia, Ane Oyarbide, mantiveron hoxe unha xuntanza por videoconferencia para coordinar o inicio do proxecto Descarboniza! Que non é pouco... na cidade vasca. O programa aterrará en San Sebastián grazas ao financiamento da Fundación Biodiversidade.

Na xuntanza de coordinación celebrada esta mañá participou tamén o persoal técnico que se encarga do proxecto, que en Santiago se desenvolve da man do Grupo SEPA, de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago. A implantación do programa en Donostia é posible grazas á Fundación Biodiversidade, que ten en marcha unha campaña para divulgar iniciativas de adaptación ao cambio climático incorporadas ao proxecto europeo Life Shara. O programa Descarboniza! Que non é pouco ten recibido unha subvención de 44.000 euros da Fundación, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que permite difundir a iniciativa na cidade vasca ao tempo que se reforza o programa en Compostela. En Donostia, o proxecto terá un carácter exploratorio e iniciarase os traballos con tres grupos: dous de memoria e un de mulleres. A experiencia permitirá tamén que o Grupo SEPA siga mellorando a súa metodoloxía de traballo para sensibilizar á cidadanía sobre o cambio climático.

Traballo na Rede de Centros Cívicos
Máis alá do intercambio de coñecemento con Donostia, o Descarboniza! Que non é pouco... ten iniciado tamén o ano con actividades nos centros cívicos da Rocha, Vite, Sar, Bornais, Almáciga, Figueiras, Santa Marta, Nemenzo, Bando, Lavacolla e Busto. Os grupos participantes están integrados fundamentalmente por persoas maiores, usuarias das actividades de memoria dos centros cívicos. En total chegarase directamente a máis de 120 persoas.

O traballo con estes grupos centrarase na identificación de prácticas de baixo consumo enerxético, propias das vivencias persoais pasadas de moitas das participantes. A importancia da recuperación de moitas destas prácticas e, sobre todo, de facelo en clave colectiva, será o obxectivo fundamental do proxecto; alén dun maior coñecemento das causas e consecuencias do cambio climático dende o cotiá.

A novidade deste curso, respecto ás edicións pasadas do proxecto, será a implementación da metodoloxía de traballo por parte do persoal dos centros cívicos municipais. Ate o de agora, as sesións de traballo eran desenvolvidas polo persoal do Grupo de investigación da USC, que se encargou de formar e proporcionar material de traballo ao persoal municipal para que se encargue agora de dirixir a actividade de maneira directa.

Nos próximos meses tamén está previsto que se desenvolvan outras accións dirixidas ao conxunto do Concello, como unha campaña de divulgación a través de varios vídeos protagonizados polos participantes dos grupos que están traballando no Descarboniza! Que non é pouco.... Para o 10 de abril está previsto un gran evento no Teatro Principal, seguindo o modelo dos encontros que se teñen celebrado en anos anteriores coa cantante Sés ou co director de cine José Luís Cuerda.

Compartir: