CONSORCIO

O recoñecido fagotista Santiago López formará neste instrumento a músicos/as galegos/as

18/02/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional.

A vindeira semana contarase coa presenza do recoñecido fagotista Santiago López, o xoves 28 de febreiro, de 10:00 a 12:00 e de 16:30 a 20:30 horas. Ademais de alumnado da Escola, tamén poden asistir a estas clases músicos/as externos/as ao centro. Os/as interesados/as en participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Formado en Alemaña e en Italia
Santiago López é na actualidade fagot solista da Orquesta Sinfónica de Bilbao. Bolseiro da Fundación Pedro Barrié de la Maza, realiza os seus estudos no Conservatorio Richard Strauss de Múnic co profesor Marco Postinghel. Así mesmo, fórmase con mestres do talle de Sergio Azzolini e Gabor Meszaros, entre outros.

Participa na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) e na Academia Gustav Mahler na cidade italiana de Ferrara. Colabora habitualmente con orquestras como a Sinfónica de Múnic, Simfònica del Gran Teatre del Liceu de Barcelona, Sinfónica de Galicia, Orquesta Filarmónica de Gran Canaria ou a Real Filharmonía de Galicia.

Ten participado en xiras por Europa e Asia, con directores como Fabio Luisi, Eliahu Inbal, Bertrand de Billy, Vasily Petrenko, Sir Mark Elder ou Rafael Frühbeck de Burgos. Realiza gravacións para os selos discográficos Deutsche Grammophon, Sony e Thorofon.

Compartir: