ALCALDÍA

O alcalde participa no acto de apertura dun novo espazo de ocio en Área Central

14/02/2019 O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe no acto de inauguración de Urban Planet, un novo espazo de ocio activo e deporte localizado en Área Central. Coas novas instalacións, os responsables do centro comercial confían en darlle unha nova vida á grande superficie do barrio das Fontiñas.

O alcalde quixo respaldar a apertura deste espazo porque "o Goberno ten que amparar as iniciativas que contribúen a mellorar a cidade, e neste caso falamos dunha proposta que supón un investimento de tres millóns de euros e a creación de 16 postos de traballo". Martiño Noriega tamén manifestou o seu convencemento de que "a chegada de Urban Planet será un revulsivo para Área Central, un centro de referencia de Compostela que aposta por un modelo no que o pequeno comercio é protagonista".

Na inauguración, o fundador de Urban Planet Entertainment, Carlos García, explicou que "a empresa quixo apostar por Santiago porque é unha cidade cunha poboación moi nova grazas á súa Universidade, e un referente turístico de primeiro nivel". Pola súa banda, o xerente de Área Central, Javier Suárez-Vence, expresou o seu agradecemento "pola elección deste centro nun momento complicado", e mostrouse convencido de que a apertura do novo centro de ocio será un antes e un despois para o espazo comercial.

Compartir: