MOCIDADE

Preto de 500 alumnos e alumnas de tres institutos participan na segunda edición do "Teatro-Foro"

14/02/2019 Tralo éxito da primeira edición do proxecto Teatro-Foro, o Concello de Santiago organiza unha segunda edición que se desenvolverá nos institutos Xelmírez I, Xelmírez II e Pontepedriña e no que participarán, dalgún ou doutro xeito, preto de 500 alumnos e alumnas. Os detalles foron presentados esta mañá pola concelleira de Mocidade, Noa Morales, e polo organizador, Ramón Molina, de Arelar Xestión Socioeducativa.

Trátase dunha actividade na que, a través dun teatro-foro, o alumnado participante traballará sobre temáticas de interese para a comunidade educativa. Tal e como sinalou Noa Morales, "é un proxecto co que queremos impulsar e empregar o teatro-foro como instrumento catalizador". A edila explicou que "esta actividade baséase nunha forma teatral de creación colectiva, o que permite fomentar o traballo en equipo nos institutos". As obras que se representan parten ademais da análise das inquedanzas, problemas e aspiracións da comunidade á que van dirixidas. Unha vez representado o espectáculo, os e as espectadores/as poden participar converténdose en actores e actrices da obra.

Dinámica de traballo
Ao longo deste curso, os IES Xelmírez I, Xelmírez II e Pontepedriña, participan no proxecto creando diversas pezas teatrais (seis concretamente) para abordar dende esta metodoloxía pertencente ao teatro do oprimido de Augusto Boal. Estas pezas son representadas dentro de cada centro a outro alumnado, se ben neste curso algunha das pezas creadas será representada noutros centros educativos da cidade, para achegar esta metodoloxía a máis institutos, como pode ser o IES de Sar.

A participación do alumnado en todo o proceso creativo é fundamental, dende a creación do guión ou a definición dos diversos aspectos escénicos que forman parte do traballo educativo, até a representación final do teatro-foro ante outros compañeiros/as dos seus respectivos centros educativos. En definitiva, o alumnado crea un recurso didáctico que pon ao servizo da súa comunidade educativa, o cal ten un gran valor pedagóxico.

En cifras, un total de 132 alumnos e alumnas participan na creación das diferentes pezas de teatro-foro, e un total de 366 alumnos e alumnas participarán como espect-actores nas diferentes representacións.

Nesa liña, Ramón Molina incidiu en que este programa implica que os mozos e mozas teñan un "papel activo con roles definidos e cunha participación activa por parte do público, cuxos integrantes pasan a ser especta-actores en vez de espectadores". Tamén explicou que as pezas teatrais serán de, como máximo, 20 minutos, e prepararanse en oito sesións de dúas horas.

Teatro-foro
O teatro-foro é unha técnica teatral que provén das teorías do teatro do oprimido de Augusto Boal. O teatro-foro oriéntase a empregar diversas estratexias para a liberación dos individuos, a toma de conciencia dos grupos e colectivos sobre temas sensibles como a educación para a saúde, a igualdade, a violencia, a convivencia ou a procura de alternativas para a resolución de conflitos.

Compartir: