ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alcalde asiste ao concerto didáctico da Escola Municipal de Música no CEIP López Ferreiro

12/02/2019 Xa está en marcha o ciclo de concertos didácticos que a Escola Municipal de Música vai levar aos centros escolares e escolas infantís ata o próximo mes de marzo. Hoxe, o alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, puideron asistir a unha das actuacións no CEIP López Ferreiro.

Os concertos didácticos da Escola Municipal de Música teñen como obxectivo achegar a música ao alumnado de 1º e 2º curso de Educación Primaria e tamén ás crianzas do ciclo 0-3 anos. En cada xornada, dous músicos visitan os centros educativos para presentar os diferentes instrumentos, describir as súas posibilidades melódicas e explicar as diferentes formas musicais de interpretación. Na sesión de hoxe no López Ferreiro participou un dúo de clarinete e saxofón, pero nos diferentes concertos participarán tamén outros dúos de violín e frauta traveseira, violín e viola, trombón e trompeta, acordeón e guitarra e guitarra clásica e percusión.

Ademais, os concertos didácticos chegarán ás escolas infantís de Conxo, Fontiñas, Meixonfrío-Salgueriños, San Roque, Tambre, Tras-Parlamento e á nova Escola Infantil do Castiñeiriño. Neste caso, tres profesores/as da Escola Municipal de Música visitan os centros educativos para interpretar un conto relacionado coa música.

Compartir: