LINGUA

Comeza o Club de Debate cunha xornada formativa para 80 mozos e mozas

08/02/2019 A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a primeira das xornadas de formación preparatoria do Club de Debate 2019. A esta primeira xornada asistiron 80 rapazas e rapaces, integrantes dos nove equipos dos concellos de Santiago, Ames e Teo.

Esta primeira xornada formativa do Club de Debate tiña como obxectivo ofrecer un primeiro contacto entre o alumando e a iniciativa, dándolles a coñecer as dinámicas e o regulamento da actividade desta edición. Ao longo da xornada, tamén se achegaron diferentes recursos para a procura de información e a preparación da documentación precisa para o debate, así como recomendacións relativas ás habilidades comunicativas. A mañá rematou coa simulación dun debate sobre "Os profesores/as deben ter máis autoridade nas aulas".

O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos. A iniciativa inclúe premios para os equipos gañadores das fases de zona e un premio final dunha viaxe en grupo.

O programa, que é impulsado por oitavo ano consecutivo por diversos concellos galegos a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), incentiva e valora falar en público, a oratoria, o uso do galego oral e o pensamento crítico. Procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente oral e tanto en contextos formais como informais.

O galego é o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, tolerancia e o traballo en equipo. Diríxese, por tanto, a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización lingüística, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de fomentar a lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os e as participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

25 equipos de 11 concellos
Os concellos de organizan esta edición son Santiago, Ames, Dodro, Ferrol, Narón, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rianxo, Rois e Teo. No total, participarán 25 equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de bacharelato e de ciclos formativos.

A competición dividirase en tres fases de zona que terán como sede os concellos de Ames, Teo e Rianxo. Os equipos gañadores de cada unha destas fases competirán entre si o día 11 de maio na final galega, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. O tema da final é "Falamos a lingua que escollemos".

A fase de zona na que debaten os equipos de Ames, Compostela e Teo celebrarase o día 3 de abril, no Centro Cívico do Romaño, en Santiago. Alí, a rapazada debaterá sobre "É adecuado o uso de dispositivos móbiles nos centros educativos". Os debates sucederanse ao longo de todo o día e serán abertos ao público. Desta xornada sairán os dous equipos gañadores para a final galega e recibirán un primeiro premio valorado en 500 euros e un segundo premio valorado en 300 euros.

Compartir: