XUNTA DE GOBERNO

Rexeitado o recurso contra a adxudicación do gran contrato de mantemento

08/02/2019 A Xunta de Goberno deu conta hoxe da resolución do Tribunal Administrativo da Contratación Pública de Galicia, que vén de rexeitar o recurso que tiña presentado unha empresa contra a adxudicación do contrato de mantemento da rede viaria e das beirarrúas. O TACGal dalle a razón ao Concello, que hoxe mesmo asinou xa o contrato para poder iniciar as actuacións.

A tenenta de alcalde, María Rozas, explicou que o recurso contra a adxudicación do contrato fora presentado pola empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, solicitando a nulidade da adxudicación do contrato a Obras y Viales de Galicia. Tal e como argumentaba a Asesoría Xurídica do Concello, o recurso foi desestimado porque no procedemento de adxudicación non se incorreu en ningunha infracción.

O contrato contempla un investimento de dous millóns de euros nos dous próximos anos no mantemento e reparación da rede viaria de titularidade municipal. A adxudicación, por dous anos prorrogables a outros dous, divídese en tres lotes. O máis importante, cun orzamento dun millón de euros para os anos 2019 e 2020, é para o mantemento e reparación de viarios con pavimentos asfálticos. O segundo lote, ao que se destinan 600.000 euros, é o de pavimentos non asfálticos, e o terceiro, cun orzamento de 300.000 euros, é o de viarios sen pavimentos de rodaxe específicos.

Rozas adiantou que o Concello tamén vén de recibir a resolución do TACGAl en relación aos recursos interpostos pola empresa Atlantic Ponte e pola Ecola de Tempo Libre Don Bosco contra a adxudicación do servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal na ludoteca das Fontiñas. Neste caso, o tribunal non lle dá a razón ao Concello, polo que o Goberno iniciará de novo o procedemento de licitación.

Subvencións
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta da concesión da subvención ao transporte colectivo urbano interior, por importe de case 440.000 euros. Tamén se deu conta da xustificación concedida pola Deputación da Coruña ao Concello pola Escola Municipal de Música, que ascende a 10.000 euros, e acordouse solicitar a mesma axuda do organismo provincial para esta anualidade de 2019.

Ademais, deuse conta da transferencia de case 235.000 euros da Xunta de Galicia, para o financiamento dos servizos sociais comunitarios no Concello de Santiago.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: