MEDIO RURAL E ESPAZOS CIDADÁNS

Plan para dotar de servizos os núcleos periurbanos inedificables por falta de saneamento e abastecemento

08/02/2019 O Concello de Santiago debe investir máis de 3,6 millóns de euros para estender as redes de abastecemento e saneamento aos solos periurbanos nos que contar con estes servizos é esixible para a edificación das parcelas. Así se recolle no estudo-diagnóstico sobre a situación actual dos solos de núcleos rurais do PXOM, que hoxe presentaron os concelleiros de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte; e Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña. Os edís avanzaron que o obxectivo do Goberno é planificar a execución desas obras nun prazo de catro anos, ao abeiro do Pacto polo Rural e co obxectivo de "que a veciñanza do rural que o desexe poida seguir vivindo nas súas parroquias".

O estudo presentado hoxe analiza os núcleos rurais e as formacións periurbanas delimitados no Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, e a integración das infraestruturas nestes ámbitos. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que "o PXOM de 2008 estableceu unha serie de núcleos urbanos en área rural, con parcelas que resultaron inedificables pola carencia de servizos de saneamento e abastecemento". Esta situación, apuntou Jorge Duarte, "obrigou a veciños e veciñas a conseguir avais de ata 60.000 euros para conseguir a licenza para faceren as súas casas, comprometéndose a asumir a conexión das vivendas ás redes de servizos". Esta situación contrasta "coa das parcelas rurais, nas que se contempla a opción de construír pozos e fosas sépticas para conseguir a licenza de construción".

Pacto polo rural
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial sinalou que o estudo presentado hoxe apunta "á necesidade de realizar un investimento de 3,7 millóns de euros para estender as redes de saneamento e abastecemento". Desa cantidade, 2,1 millóns de euros deberan ser para actuacións de saneamento, e o millón e medio restante para a mellora da rede de abastecemento. Rafael Peña explicou que "o Goberno prevé abordar estas obras cunha planificación a catro anos, buscando o compromiso de todos os grupos políticos no marco do Pacto polo Rural".

A súa intención é destinar a unha primeira fase dos traballos "os fondos da convocatoria para os remanentes do POS+ que a Deputación da Coruña ten que facer no próximo mes de marzo, e da que a Santiago lle corresponderían uns 750.000 euros". Despois, a proposta de Rafael Peña será "reservar ao redor dun millón de euros cada ano a estas actuacións". A prioridade será "acometer as primeiras actuacións naqueles lugares nos que as obras non dependen de permisos sectoriais doutras administracións como ADIF, Augas de Galicia ou Patrimonio, e tamén nos puntos nos que conste que hai máis solicitude de licenzas para edificar".

Tal e como se recolle no informe, "da rede xeral de abastecemento falta por executar na actualidade o tramo da arteria da estrada da Coruña entre os núcleos da Barciela e Forte, as arterias territorial leste e oeste de Bando, o anel de San Lázaro-San Marcos, o ramal a Lavacolla e o tramo final do ramal ao aeroporto; a arteria Castiñeiriño-A Susana, entre os núcleos urbanos de Bornais-Piñeiro e A Susana; e o remate dos aneis Munín-Roxos e Roxos-Silvouta, na estrada de Noia". En canto á rede xeral e principal de saneamento, "falta por executar o tramo da arteria da estrada da Coruña entre os núcleos urbanos da Barciela e de Vila Fernández, e a rede dos núcleos urbanos de Agualada, Forte e Ponte Sionlla; os colectores de Lavacolla que serven aos núcleos rurais da Sionlla e Casais e a impulsión desde Casais a San Marcos; os distribuidores do núcleo urbano de Fontenla, na parroquia de San Lázaro; a rede de distribución dos núcleos rurais de Fomás, A Cacharela, Costa de Aríns e O Aramio, na parroquia de Aríns; e os núcleos urbanos da Peregrina, Sarela de Arriba e Monte da Vila, na parroquia da Peregrina". Tamén están sen executar as depuradoras de Miramontes e Ponte Sionlla.

Segundo o informe presentado hoxe, das 31 formacións periurbanas recollidas no PXOM, 23 teñen abastecemento de maneira integral e catro de maneira parcial; e 19 teñen infraestrutura de saneamento de maneira total e cinco de maneira parcial. As maiores carencias teñen que ver coa rede de saneamento das zonas periurbanas de Barciela, Marantes e Enfesta.

Compartir: