ALCALDÍA

Comezan as obras de mellora da seguridade viaria na estrada que une Santa Lucía e Vedra

07/02/2019 O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe na visita as obras que a Deputación da Coruña vai desenvolver na estrada provincial que une o lugar de Santa Lucía, na parroquia do Eixo, co Concello de Vedra. Trátase dunha actuación longamente demandada polo Goberno local, que permitirá acondicionar beirarrúas nun tramo moi poboado do viario.

O alcalde acompañou na visita ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. A actuación aféctalle á estrada DP-8203, entre os quilómetros 8 e 10. O organismo provincial investirá máis de 360.000 euros na mellora da seguridade viaria no tramo, que será dotado de beirarrúas e dunha senda peonil. Tamén se mellorarán os accesos ás vivendas e a sinalización.

Martiño Noriega agradeceu á Deputación "o seu compromiso con Santiago, que se manifesta a través de actuacións coma esta, que xorde dunha demanda veciñal e que permitirá mellorar a conexión entre Compostela e o veciño concello de Vedra".

Mellora dun proxecto anterior
As obras que comezan responden ao proxecto complementario aprobado pola Deputación da Coruña, en resposta a un rogo presentado polo deputado provincial Manolo Dios requirindo a mellora dunha actuación executada con anterioridade para a ampliación e mellora do firme da estrada DP-8203 entre Santa Lucía e Vedra. Aquela actuación, orzada en máis de 850.000 euros, suscitara algunhas queixas veciñais, por problemas na conexión coas súas fincas e coas casas, coa drenaxe e pola inseguridade resultado do aumento da velocidade á que circulaban os vehículos nun viario máis ancho. A actuación que comeza hoxe atende a esas demandas veciñais, especialmente no tramo do viario que vai dende o entronque coa N-525 ata o cruce coa rúa das Baleixas.

Compartir: