ACCIÓN CULTURAL

Santiago sube tres postos no ranking do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea

07/02/2019 Santiago ocupa o posto número 12 no ranking de cidades do Estado do Observatorio da Cultura 2018, que realiza a Fundación Contemporánea. Deste xeito, Compostela mellora tres postos con respecto ao informe de 2017 e é a primeira cidade galega da lista, tres chanzos por riba da Coruña.

O Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea valora as cidades españolas pola calidade e innovación da súa oferta cultural. O ranking volve estar encabezado, nesta orde, por Madrid, Barcelona e Bilbao. Santiago é a primeira cidade da lista con menos de 100.000 habitantes e unha das tres urbes dese tamaño que figuran entre as primeiras 20 do ranking, xunto con Girona e Cáceres.

Ranking por comunidades
Galicia ocupa o sétimo posto no ranking de comunidades que inclúe tamén o Observatorio da Cultura. A Fundación Contemporánea tamén elabora unha lista co mellor do ano cultural en cada autonomía, baseada na opinión de expertos da propia autonomía que deben seleccionar ata dez institucións ou acontecementos culturais como os máis destacados do exercicio.

O ranking de Galicia inclúe un total de trece propostas ou institucións culturais, das que cinco están vinculadas con Santiago. Son, en concreto, tres eventos prestixiados como o Festival Cineuropa, que se mantén no terceiro posto da lista; o WOS Festival, que ocupa o décimo posto; e Curtocircuíto, no número 13 do ranking. Ademais, aparecen a Cidade da Cultura, no oitavo lugar, e o Auditorio de Galicia, tamén no número 10 empatado en valoración co WOS Festival.

Compostela é, ademais, a cidade que máis veces aparece no ranking galego, con cinco postos na lista. Por detrás está A Coruña, con catro eventos ou institucións. O ranking complétase con eventos localizados en Pontevedra, Viveiro, Redondela e Carballo.

Direccións relacionadas



Compartir: