TURISMO

Uns 50 xenerais infantís participarán nos atranques do Entroido da Ulla

05/02/2019 Preto de 25 lugares e parroquias da Comarca da Ulla acollerán este ano altos ou atranques do Entroido sos Xenerais da Ulla. Diversas asociacións veciñais e comisións de festas organizan cada ano esta Festa, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, e contan coa colaboración conxunta dos concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

A apertura do Entroido será o vindeiro sábado 16 de febreiro, no barrio compostelán do Castiñeiriño, que recuperou a tradición o ano pasado, logo de case 40 anos sen celebrala. Os últimos atranques serán o 10 de marzo en Lestedo (Boqueixón), Salgueiros (Vila de Cruces) e Trobe (Vedra).

Entre as novidades previstas para este ano destacan os atranques infantís, que terán lugar nos concellos de Teo, Silleda, Vedra e Vila de Cruces, nos que os protagonistas serán nenos e nenas de 8 a 12 anos que se enfrontan dialecticamente mediante coplas inventadas por eles que están ensaiando dende hai semanas nas súas escolas. O traballo destas seccións infantís dos Xenerais, no que, ao contrario que acontece cos xenerais adultos, hai unha ampla participación das nenas, resulta vital para garantir a revitalización desta peculiar tradición.

Este ano tamén haberá unha preestrea do 1º traxe específico de xenerala, que terá lugar en Lestedo o domingo "de Piñata", 10 de marzo, o mesmo día da Festa da Filloa, e que é obra de Carmen Pichel, deseñadora e costureira desa localidade. Ademais, a exposición fotográfica itinerante dos Xenerais da Ulla estará este ano presente en Santiago, Vedra, Touro e Silleda. Trátase dunha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

Direccións relacionadas



Compartir: