CENTROS SOCIOCULTURAIS

O escultor Anxo Vilaronga expón o seu traballo na Trisca

09/05/2005 O Centro Sociocultural A Trisca acollerá o martes 10 de maio ás oito da tarde a inauguración da exposición de escultura "Bosquexos da Realidade Aparente" de Anxo Vilaronga, un mozo santiagués de 26 anos.

No acto de inauguración do 10 de maio, Anxo Villaronga explicará o sentido da serie expositiva e contará coa presencia da concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón.

"Bosquexos da Realidade Aparente" está composta de 14 pezas que forman parte dos exercicios e proxectos realizados por Anxo Vilaronga durante os estudos de escultura cursados polo autor na Escola Mestre Mateo de Santiago. As obras están elaboradas con materiais diversos e sinxelos, que van desde a utilización de elementos reutilizados como cartón, madeira, arame, ferro, polistireno...

O artista propón un achegamento á realidade onde as diferentes calidades dos materiais empregados transfiguran e reorientan o aspecto e destino das obras, dándolle máis peso ao aparente.

A exposición estará aberta ao público ata o 28 de maio en A Trisca, e posteriormente rotará por varias salas da Rede Municipal de Centros Socioculturais. Esta iniciativa vén impulsada dende o Espacio Xoven da Trisca, un servizo de dinamización Sociocultural encamiñado a orientación de iniciativas dos mozos e mozas de Santiago.

Compartir: